Mario Caneiro: «A literatura, hoxe máis que nunca, ten que avanzar contra a corrente»

Afirma que «os libros axudan a entender o mundo, e sempre fan que a nosa vida sexa mellor»


Ferrol

Mario Caneiro (Narón, 1969), autor de libros como Homiños, é un escritor en permanente diálogo co seu tempo. Pero tamén fillo da longa tradición de contadores de historias sobre a que se asentan, en Galicia, as columnas centrais dun xeito de narrar que vén demostrando, século tras século, ser unha inesgotable fonte, un verdadeiro río, de creatividade. Firmemente convencido de que «a literatura, hoxe máis que nunca, nestes tempos tan difíciles, ten que avanzar contra a corrente», reivindica o papel da cultura como verdadeiro sustento espiritual de todo un país.

-O eixo central da súa produción literaria vira arredor do relato curto. ¿Ten iso algo que ver, tamén, coa tradición da que bebe a súa literatura?

-En certo sentido, si, Como escritor síntome moi cómodo no conto, como xénero literario. Especialmente por unha razón...

-¿E cal é esa razón?

-Porque eu creo que non se trata de escribir por escribir. Para min, ao narrar, é moi importante a concisión.

-Elixir cada palabra con coidado.

-Así é. E aínda diría outra cousa: que para min o fundamental é o texto, o que se lle dá ao lector. O que importa non é o autor. Chega un momento, non só como escritor, senón tamén como lector, no que tes que elixir. E, decididamente, o relato curto, aínda que tamén a novela de extensión limitada e de expresión concentrada, é a miña principal opción.

-A infancia, dun xeito ou doutro, sempre é unha das raíces fundamentais dun escritor. E, por suposto, dun lector. Xa di a gran Luz Pozo Garza que «pobre de quen non teña dentro de si unha infancia». No que atinxe ás primeiras lecturas, ¿como foi a súa?

-No meu caso, coma no de tantos outros, tiveron un papel fundamental os tebeos. Que foron moi importantes para min, como lector, ¿eh?, moitísimo. E despois foron vindo, por suposto, as novelas de aventuras. Verne, Salgari, etcétera. Pero incluso cando empecei, de neno, a ler esas novelas de aventuras, fíxeno en edicións nas que, ademais do texto, había viñetas. O cómic, en xeral, tivo moita importancia á hora de espertar, en min, de pequeno, a paixón polos libros.

-A chegada das novas tecnoloxías, ¿é un obstáculo ou unha nova oportunidade para o libro en formato tradicional?

-Os libros nos axudan a entender o mundo, e sempre fan que a nosa vida sexa mellor. Iso non vai cambiar. Pero a chegada das novas tecnoloxías fai que a xente, e sobre todo os nenos, teña arredor de si outras moitas cousas que os atraen. E a todo iso se suman, tamén, as series de televisión. Iso é así.

-¿Como se pode facer para fomentar a lectura entre os pequenos?

-Fomentar a lectura entre os pequenos non é doado, e hai que recoñecelo. Oxalá houbese unha fórmula máxica. Pero temos que seguir confiando no futuro da literatura. Sempre estará aí.

 «Cando a mirada dos lectores cambia, tamén os libros se están transformando»

Mario Caneiro afirma que o papel do lector é fundamental no proceso de creación literaria. E di que, de feito, «cando cambia a mirada dos lectores, tamén os libros se están transformando». En tal sentido, afirma que cando un libro, ao longo do tempo, vai sendo lido por xeracións de lectores distintas, tamén experimenta un profundo cambio, aínda que nada varíe nas súas páxinas, porque a obra literaria non é só o que autor escribiu, senón a vida que os lectores lle confiren, cada un coa súa particular maneira de adentrarse no texto e de ver o que nel se conta.

-¿Cal será, a medio prazo, o futuro da literatura galega? Da creación literaria, quero dicir...

-O futuro sempre é impredicible. ¿Quen pode saber o que virá...? Pero eu penso que arredor da nosa literatura, e de toda a literatura, sempre quedará unha pequena illa de irredutibles na que ninguén se vai render. A creación literaria seguirá. Non vai desaparecer.

-¿E os lectores...? ¿Aumentará o seu número, irá a menos...?

-O número de lectores literarios sempre vén sendo, pouco máis ou menos, o que é. Distinta cousa son os libros de evasión, os que a xente busca como entretemento, pero a literatura ten un público limitado. Iso hai que recoñecelo. En canto á maneira na que isto vai ir evolucionando conforme o tempo pase, tampouco me atrevo a facer predicións. Aínda que confío en que sempre se siga lendo literatura, porque a literatura nos axuda a vivir.

-Carlos Casares dicía que non pasa nada porque a alguén non lle guste a literatura.

-E tiña toda a razón. Porque a literatura non é algo que precisemos para poder subsistir. Non está entre as necesidades do día a día. Pero mellora o noso mundo. Nunca deberiamos renunciar a algo así.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Mario Caneiro: «A literatura, hoxe máis que nunca, ten que avanzar contra a corrente»