A cultura galega perde a Santiago Caneiro, unha figura fundamental da súa música

R. Loureiro

NARÓN

M. DOVAL

Presidira a Asociación de Gaiteiros Galegos, ademais de dirixir a Banda de Gaitas de Narón

15 jul 2019 . Actualizado a las 23:57 h.

Galicia e a súa cultura perderon hoxe unha figura fundamental da súa música co falecemento, aos 58 anos de idade, de Santiago Caneiro, o que fora presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos e director da Banda de Gaitas de Narón. A propia alcaldesa do concello naronés, Marián Ferreiro, fixo pública, a través dun comunicado, a dor do seu municipio pola morte de Caneiro, subliñando a «súa gran contribución a impulsar a música e a cultura galegas nas últimas catro décadas», así como «o intenso labor que desenvolveu durante a súa etapa profesional no Padroado da Cultura». A capela ardente está instalada na tanatorio Artabria. O sepelio terá lugar mañá, ás 18.30 horas, no cemiterio da parroquia de Pantín, en Valdoviño.

Caneiro foi, por riba de calquera outra cousa, un músico. Un músico e un mestre. E ademais un home xeneroso, que viviu para facer posible que saísen adiante os proxectos dos demais. O seu esforzo permitiu que chegasen á música galega un sinnúmero de novos creadores. E tamén que moitos artesáns se adentrasen no universo da construción de instrumentos tradicionais.

Santiago Caneiro xa habita agora o que nós chamamos morte, pero o seu recordo perdurará da man do seu legado. Un legado fundamental para un país que está feito, en boa medida, de música. Unha terra, inmensamente máis grande nos corazóns que nos mapas, que navega a través da historia da man dos versos de Rosalía e á que, cada vez sente a música dunha gaita, se lle enchen os ollos de luz.