José Díaz: «Prexudicounos moito, deixamos de vender fitosanitarios e abonos»

ana f. cuba NARÓN / LA VOZ

NARÓN

JOSE PARDO

«Avisaron cando xa tiñamos toda a pataca de semente, tardaron en pagar e pagaron o que quixeron», critica

23 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Cooperativa O Val, de Narón, José Díaz, non dubida: «A prohibición de plantar patacas, para nós, tivo consecuencias drásticas. Prexudicounos moito, non só pola pataca [avisaron cando xa tiñamos aquí toda a de semente, case un camión, e despois tardaron en pagar as indemnizacións e pagaron o que quixeron], senón polo que arrastra consigo, deixamos de vender fitosanitarios e abonos». A campaña da pataca, subliña, «era unha das máis importantes, a nivel económico, para a cooperativa, porque abarca toda a zona, e incluso tivéramos que facer gasto para acondicionar un espazo dentro da tenda para os fitosanitarios». Díaz amósase moi crítico coa xestión da crise por parte das administracións e sostén que, «como mínimo, un 50 % da xente que plantaba non vai volver a dedicarse a isto». En canto ás vendas de pataca para consumo, recoñece que «foron a máis, pero non na mesma proporción na que se deixou de producir, porque a xente compra para comer, pero non para dar aos animais, e mídese moito máis que cando tiña as patacas na casa». O 99 % dos clientes da cooperativa eran particulares, «xa que produtores profesionais apenas hai».