«Sigo neste mundo e son máis feliz que nunca, ¿que máis podo pedir?»

Ramón Loureiro Calvo
RAMÓN LOUREIRO FERROL / LA VOZ

NARÓN

CESAR QUIAN

«Creo que me queren en toda Galicia, e a toda Galicia lle dou as gracias», di o artista Sito Sedes

27 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicir que Sito Sedes (Piñeiros, Narón, 1946) é unha lenda da música galega, e ademais o símbolo de toda unha época, sería redundante, porque iso xa se dixo moitas veces. Pero quizais conveña apuntar que Sito, sen renunciar á saudade, que é esa forma da melancolía que ás veces tamén lle axuda a camiñar ao corazón, non quere vivir no pasado, senón habitar de maneira decidida o presente. Agora prepara a gravación dun disco de boleros coa Garufa Blue Devils Big Band. Agradécelle a Deus todos os días por seguir vivindo, porque a vida parécelle un marabilloso prodixio, o maior de cantos tesouros existen. «Sigo neste mundo e son máis feliz que nunca -di Sito-, ¿que máis podo pedir?».

-¿Segue habendo público para os boleros, Sito?

-Por suposto. Cada xeración, na música, ten os seus ídolos, que van cambiando, e ten tamén as súas modas, pero o bolero non morrerá xamais. Pasou un mal momento, hai que recoñecelo, pero a etapa máis difícil xa se superou, e agora volver haber moita xente que o quere oír cantar.

-As que viven unha nova idade de ouro son as verbenas.

-Si, nas verbenas volve haber moitísima xente. De todas maneiras, e conste que digo isto co máximo respecto polo traballo e a maneira de ver a música que ten todo o mundo, eu boto de menos as verbenas dos nosos tempos, cando o día de festa era algo que nos enchía de alegría. Non sei moi ben como explicalo, porque habería que vivilo para podelo entender ben, era algo que xa te enchía de emoción e que xa viña de antes, de cando o día do patrón se estaba achegando.

-Din que entre as festas máis fermosas de cantas existen están as vésperas, sempre.

-Pois claro que si. Así é. A véspera da festa é cando é festa todo, cando tes toda alegría por diante para ti. Eu recordo a ansia que tiñamos, de nenos, de ir ver como chegaban as atraccións ao campo da festa, e xa non che digo nada do que era a chegada dos músicos. Ver chegar aqueles músicos que tocaban e cantaban dun xeito extraordinario, para min era algo indescritible. Agora as verbenas son outra cousa. Hai moto máis espectáculo sobre o escenario, pero eu boto de menos aquela música de antes. E creo que á xente da miña idade páselle o mesmo a case toda. ¿Sabes que me pasou o outro día?

-Cónteme.

-Pois mira: como sabes. pasei a miña infancia e a miña xuventude en Sillobre. O outro día fun ata alí dar unha volta, e achegueime ao campo da festa. Entón, empeceime a acordar do antigo palco da música, e ao virme os recordos... ¡Boteime a chorar, xa ves!

-¿Séntese querido?

-Moito, moitísimo. Hai sitios como Vilalba, Foz ou Mondoñedo onde me sinto igual que na miña casa. Creo que me queren en toda Galicia, e a toda Galicia lle dou as grazas.

«Cada xeración ten os seus ídolos e as súas modas, pero o bolero non morrerá xamais»

«Agora as verbenas son outra cousa, pero eu boto de menos aquela música de antes»

«O outro día fun dar unha volta a Sillobre, e ao virme os recordos boteime a chorar»