«Estase convertendo o monte nunha factoría de madeira, renunciando a outros usos; iso é perigoso»

A. F. C. ORTIGUEIRA / LA VOZ

NARÓN

Carlos Caaveiro, enxeñeiro forestal e técnico de Terra Rendible, defende outros aproveitamentos do monte

15 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«A maioría dos propietarios vanse volvendo vellos, deixan de ir ao monte, e hai moita xente que herda e nin coñece o monte nin como se traballa, optan por vendelo e acaba en mans de xente con capital que só produce madeira. Estase convertendo o monte nunha factoría de madeira, renunciando a outros usos, e iso é algo moi perigoso», sostén Carlos Caaveiro, enxeñeiro forestal e técnico da asociación de propietarios Terra Rendible, con sede en Narón.

-¿A que usos se refire?

-Vai moito máis aló da produción de calquera tipo de madeira. O aproveitamento das leñas, a produción de froitos e fungos, o monte como lugar de cría de animais, como espazo de lecer... Aquí había moita cultura de coidado e respecto polo monte, e estase convertendo nunha sorte de caixa de aforros, pero en forma unicamente de materia prima.

-¿De onde vén o problema?

-Hai que buscar alternativas, non se pode poñer en marcha unha Lei que xeraría un abandono tremendo, que non se axusta á idiosincrasia do monte. O funcionamento da Administración está desligado da idea da xente, falta labor de concienciación, non hai vontade de aunar esforzos e estase agravando o problema.