«O teatro pode chegar a ser unha ferramenta educativa moi valiosa»

NARÓN

ANGEL MANSO

Belén Roca dirixe o grupo do Concepción Arenal, herdeiro da longa tradición cultural do centro

29 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Belén Roca (Narón, 1962) é a directora do grupo de teatro do instituto Concepción Arenal. Unha formación que é herdeira directa da longa tradición que une ese centro ao mundo das artes escénicas, e que ademais xa está volvendo acadar, de novo, unha proxección que vai moito máis alá dos círculos académicos. A formación que ela dirixe, e que naturalmente ten o seu escenario de referencia no do emblemático salón de actos do centro (polo que pasaron algunhas das máis grandes figuras da cultura española de finais do pasado século), encarna a vocación de facer do espazo educativo un territorio en permanente diálogo coa sociedade enteira a través das artes, da creación e da ciencia.

-Vostede, ademais, tamén é profesora, desde hai anos, do Concepción Arenal. ¿Como se vive, desde dentro, a tradición cultural do instituto?

-Vívese como o que é, como algo moi valioso. A longa tradición cultural do instituto Concepción Arenal é algo do que participa moita xente. Non só os mestres e os alumnos. E no caso do grupo de teatro iso reflíctese, por exemplo, na colaboración que nos prestan institución coma o teatro Jofre. A axuda que nos presta o Jofre é algo moi valioso para nós como grupo de teatro.

-¿Cantos alumnos do centro integran o grupo?

-Son catorce alumnos. Deles, trece actúan sobre o escenario, e outro fai labores de técnico. Pero en realidade no grupo participa moitísima xente máis, porque son moitas as persoas do instituto que colaboran con nós, cada un no seu ámbito.

-Vostede é unha firme defensora do valor do teatro como ferramenta educativa.

-Si, porque o teatro, entre tantas outras cousas que xa é por si mesmo, tamén pode chegar a ser unha ferramenta educativa moi valiosa. Sobre un escenario, os rapaces melloran a súa relación coa aprendizaxe. Ademais de aprender tamén outras cousas extraordinariamente importantes.

-¿Por exemplo?

-Pois, por exemplo, a perderlle o medo á cultura. E, por poñer outro exemplo máis, a saber estar sobre o escenario: a ter unha presenza que a miúdo non ten demasiado que ver coa cantidade de frases que un vaia dicir nunha obra. Esa presenza é de natureza moi distinta.

-O teatro non é unha arte máis. ¿Como se relacionan con el os rapaces neste tempo tan proclive ao uso das novas tecnoloxías?

-Relaciónanse marabillosamente, porque enseguida entenden que, en efecto, o teatro é outra cousa. No teatro todo acontece diante do espectador, sen o afastamento do real que caracteriza ás novas tecnoloxías. ¡O teatro é pel con pel, é respiración, e ese estar sobre o escenario do que falabamos antes!

-E ademais, no seu caso, teatro no Concepción Arenal...

-A verdade é que é un centro moi especial, o noso. Ten un lugar de seu na historia da cultura. E iso nótase sempre.