«A miña personaxe en 'Cuéntame' vai dar moito que falar»

NARÓN

A naronesa participa na serie da familia Alcántara dando vida a Natalia, unha muller «coa que hai que ter moito coidado»

29 mar 2017 . Actualizado a las 10:18 h.

A naronesa Iolanda Muíños sempre soubo que quería ser actriz. De nena, no seu colexio -o Jorge Juan de Xuvia-, os profesores adoitaban chamala para que saíra á tarima a cantar ou bailar. «E o meu titor, aínda que era durísimo, sempre me dicía: ‘Muíños, ti es unha artista’», rememora ela con agarimo. Despois chegaron os seus estudios na Escola de Teatro de Narón e unha carreira que vai xa para vinte anos e que permitiulle vivir na pel de decenas de personaxes diferentes. A última delas, Natalia, asómase desde a semana pasada á pequena pantalla da man de Cuéntame, a serie máis lonxeva da televisión española.

-¿Natalia vai quedar moito tempo cos Alcántara?

-Pois non o sei aínda, porque iso depende dos guionistas. En principio chamáronme para dous ou tres capítulos, pero agora parece que a personaxe podería ter máis percorrido. Pero, insisto, non se pode asegurar, porque non depende de min, aínda que por suposto a min encantaríame.

-Na serie Natalia fai da axudante de Inés, a filla actriz de Antonio e Merche. E, polo visto ata o de agora, non semella ser trigo limpo...

-Hai que ter coidado con ela. Natalia está aí para desestabilizar o traballo de Inés, a filla. Non é unha muller que estea ben da cabeza. Empeza sendo como Eva al desnudo pero dispárase e ata aí podo contar. É unha personaxe que vai dar moito que falar.

-¿É a nova mala da serie?

-Eu non creo non papeis de malos e de bos: simplemente é alguén que non está ben da cabeza. Todo o mundo no seu foro interno pensa que é ‘guay’, pero as cousas que fai Natalia non son dunha persoa ‘guay’. En calquera caso, esta personaxe gústame porque é diferente. Eu estou moi afeita a facer comedia, pero a mágoa é que neste xénero as mulleres están moi estereotipadas. É algo que tamén ocorre nos papeis dramáticos, pero tal vez menos. En xeral, no mundo da interpretación as mulleres están súper etiquetadas: ou son a moza de, ou a nai de, ou a filla de ou algo de alguén. É difícil atopar personaxes femininos con identidade propia e por iso me agrada tanto o papel de Natalia. Porque é unha muller con autonomía, que toma as súas propias decisións... Pero coidadiño con ela, porque aínda que é moi ‘free’, non anda ben da cabeza.

-¿É moi diferente traballar para unha serie como «Cuéntame» que nunha produción galega?

-O traballo é basicamente o mesmo, só que alí traballan a un ritmo moito máis lento. Nun mes poden rodar dous ou tres capítulo, cando aquí fanse oito ou dez.

-¿Seguía a serie antes de que a chamaran para traballar nela?

-Pois a verdade é que non. Pero é que non sigo ningunha serie. Non me engancho facilmente e, aínda que poda parecer raro, non son de ver moito a tele. Prefiro ler, pasear, ir ao teatro...

-¿Cando decidiu ser actriz?

-Isto gústame desde que era ben pequena. Na escola sempre estaba escribindo, facendo programas de radio, actuando... Pero foi trala morte da miña nai, xa de moza, cando decidín que este era o camiño que debía seguir. Entendín que na vida só podes comprar un billete de tren e xogas ou non xogas. Traballaba nun supermercado e decidín empezar a formarme para ser actriz.

-E entón apuntouse na Escola de Teatro de Narón. ¿Qué supuxo este centro na súa vida?

-Para min foi a forma de entrar en contacto co mundo da interpretación, porque eu na casa tiña unha situación familiar complicada e non podía marchar a Madrid a estudar Arte Dramático. Se vivise en Rois o Ponte Caldelas, non podería ter estudado interpretación. Así que, para min, a Escola de Teatro de Narón foi a salvación e estoulle moi agradecida por iso.

-A súa carreira vai xa para vinte anos, ten participado en numerosas producións e xa atesoura premios como o María Casares de Teatro (como mellor actriz protagonista por «Life is a paripé», de José Luis Prieto). ¿Algún soño aínda por cumprir?

-O meu soño é poder seguir traballando nisto toda a vida e continuar loitando por que as mulleres ocupen o lugar que merecen nesta profesión. Sei que o meu físico é particular, pero gustaríame que se me valorase polo meu traballo, máis alá das etiquetas. Neste sentido, para mín é bo un exemplo o actor ferrolán Javier Gutiérrez, que está a facer traballos excelentes porque é un grandísimo actor, independentemente do seu físico.