«O tiburón peregrino veu a Bares entre o ano 43 e o 55»

NARÓN

Trece veciños capturaron ducias de «peixorros», como bautizaron aquel «peixe raro». Aproveitaban a graxa do fígado e a carne 

06 oct 2015 . Actualizado a las 19:47 h.

Cando empezou a aparecer o tiburón peregrino na baía do Porto de Bares, Manuel Méndez Fernández, que nacera o 18 de xullo de 1930, tiña 13 anos. Seu irmán Plácido, cinco anos maior, foi o primeiro en capturar un peixorro, como lle deron en chamar a aquel «peixe raro». Antes, «Adriano atopara un morto na praia, despois da Torre». «Eramos trece homes e once chalanas (dúas gamelas)», lembra un daqueles veciños que agardaban a aparición dun peixorro para tentar aferralo. Aproveitaban o fígado, do que extraían o aceite para os candís e algo para vender, e a carne, como abono das hortas.

-¿Como os capturaban?

-Meu irmán fixo un ferro delgado, que fora dun cuartel (dos barcos de carga) e según lle deu gancho a un xa se estirou. Entón fixo o arpón de ferro. El foi o primeiro en coller un peixorro. Unha vez aferrou un grande na punta do Coído e levouno ata o medio da ría, tirando para fóra, ata descubrir polo cabo o faro, e alí botou abaixo a chalana e desapareceu con todo. O máis grande que se colleu aquí tiña 7,20 metros de longo e 2,02 de cola, en vertical, calculábanlle por riba das dúas toneladas. A maioría dos que se pillaron eran máis pequenos.

-¿Non lles daban medo?

-Alimentábanse de plancto, tiñan uns dentes moi pequenos e non atacaban á xente. Unha vez aferrei eu un, varei a gamela, a praia estaba algo acantilada (con pendente), viñéronme axudar miña nai, unha curmá e levou a rastro a gamela e o risón. Non era porque fora moi grande, pero eses peixes, como os aferraras da aleta dorsal para atrás, tiñas que ter moito coidado, tiraban ao demo... Collíanse cando había pouca auga, unha braza ou braza e media, con dúas xa era moi difícil.

-¿Como aparecían?

-Só vin varios xuntos unha vez, que aínda andivera a tiros con eles a Garda Civil (viñan porque apareceran moitos fardos de goma). No caso do máis grande, estaban as lanchas cargadas de patexo e a xente quería velo. Estaba morto na praia, cuberto de auga, levaron un cabo gordo para traelo a terra. Tiraron vinte ou trinta persoas, pero non o moveron. Cando baixou a marea repartírono. Despiezábase cun coitelo, a pel era moi dura, tiven unha marca nun brazo trinta anos. Tireime riba dun e metino no medio das pernas, conducíao coa cabeza e ao darlle á cola axudábame a varalo. Uns cativos avisaron a Plácido e veu cun machete, deses de Cuba, de cortar a caña, cortoulle o rabo e xa... Logo dicíase, ?xa non se usan arpóns, tíranse riba deles?. Outra vez que veu un grande, no Coído, Rafael meteulle a proa da chalana e xa saíu despedazada.

-¡Cantas aventuras...!

-Hai outra cousa rara. Meu irmán estaba no servizo en Cádiz, entre o 50 e o 51; os meus aferraron un na Decesa e despois rompeulles o cabo e levou parte do cabo e o arpón (feito por Plácido), que apareceu dous anos despois. Prendera nas amarras dunha lancha, ata que Pascual o atopou. Tamén se pillara outro, non moi grande, pero que ía aferrado da ala dorsal para atrás. Viñamos nunha motora de Viveiro, catro ou cinco, e meu irmán aferrouno. Levounos, foi tirando cara á Coelleira e pasounos ata a ría de Viveiro... Cando chegamos (a Bares) a xente xa pensaba que nos pasara algo. Era cativo pero rompera o ferro do arpón. Outra vez estabamos catro ou cinco arredor dun, dixen ?vou tirar o arpón, !aferrado¡?, e clavárao na chalana (ri).

-¿Canto tempo durou?

-O tiburón peregrino veu a Bares entre o 43 e o 55, chegaban a principios de novembro, ata mediados de marzo, e logo desaparecían.

-¿Que facían con eles?

-Primeiro, derreter o fígado, que era moi grande. Con aquel aceite era co que nos alumabamos, porque daquela non había gas nin cartos para comprar carburo. Meu irmán fixera os candís de lata. Un peixe deses grandes (dos que só recordo que se colleran tres ou catro) podía dar arredor duns 600 litros de graxa. E a carne valía de abono, para poñer a horta, as patacas, o trigo o e millo. Pero ao pouco tempo criaba herba da fame e houbo que volver ao esterco das cortes. Algo de aceite vendíase, a seis pesetas o litro, a un comerciante de Celeiro e unha fábrica de Cariño. E a carne tamén nola compraban os veciños que non pescaban.

-Ricos non se fixeron...

-Diso nada, ao contrario, máis pobres aínda... Traballar máis porque había que carrexar tamén o peixorro. Ás veces víaslles a aleta dorsal, o fuciño, algo da cola... Estabas no monte ou na horta e viñas correndo á praia. Na época na que viñan, según nos lenvantabamos xa co arpón ás costas e a gamela abaixo, de garda todo o día, porque non sabías cando entraban. Daba gusto ver sete ou oito gamelas no muelle, iamos bogando e quen o aferraba era del. ?Aí vai o peixorro?. ?Aferrado?. ?¿Quen o aferrou?? ?Aferrouno fulano?.