Carta abierta de los trabajadores de Reganosa sobre la situación de la empresa

Comité de empresa de Reganosa MUGARDOS

MUGARDOS

JOSE PARDO

«As mentiras da avogada madrileña que quere rematar co emprego en Ferrolterra»

21 nov 2019 . Actualizado a las 00:04 h.

El comité de empresa de Reganosa ha difundido un escrito en respuesta a Patricia Gabeiras, abogada del Comité Ciudadano para la Defensa de la Ría de Ferrol: 

Os empregados de Reganosa queremos unha Ferrolterra onde nós, os nosos veciños e os nosos fillos podamos vivir e traballar; non entendemos esta comarca coma un lugar de veraneo. Queremos unha Ferrolterra con futuro, dinámica e industrializada; non vemos nela unha plataforma de lucro e proxección mediática. Amamos aos galegos porque somos galegos. Somos honestos e honrados. Pertencemos ás xentes traballadoras e humildes; non formamos parte das elites. Estamos persuadidos de que a democracia se basea no dereito a recibir unha información veraz; non aproveitamos a liberdade de expresión para calumniar. Pagamos os impostos na nosa terra; non tributamos fóra de aquí nin temos nada que ver con sicavs. 

Escribimos estas liñas, en definitiva, dende unha posición ética e diametralmente oposta á súa. Escribímoslle en resposta ao seu artigo de 28 de outubro datado en Madrid, publicado de novo onte, en versión reducida, en La Voz de Galicia.

Di que o que sorprende de vostede é que, pertencendo as elites, estea ao lado dos pobres. Nós non temos conflito algún, estamos onde sempre estivemos e defendemos o que sempre defendimos. Vimos tamén como vostede intenta transmitir á cidadanía a idea de que a campaña contra Reganosa é unha loita dentro da familia do gas da que vostede non forma parte. Vimos tamén con estupor como, sen desmentir en ningún momento as informacións que vinculan á súa persoa e ao seu despacho con dirixentes de Enagás, as califica de medias verdades. 

Di vostede que ao seu cuñado o cesaron como presidente de Enagás en 2002 por boicotear a Reganosa. Pero o certo é que inmediatamente foi nomeado membro do consello de administración de Gas Natural, empresa propietaria de Enagás nesas datas. É certo tamén que dende o 2001 a súa familia cobrou millóns de euros das compañías que agora vostede pretende vender como alleas. Tamén é certo que a súa relación con Guzmán Solana, presidente de Enagás daquela, era cercana e compartían sociedades. Se non fose cercana, non falaría vostede nas redes sociais por boca del. Non hai media verdade aquí. Supoñemos, en fin, que cando se refire á familia do gas, refírese á súa. O motivo polo que a planta está onde está coñéceo vostede ben. Foi o seu cuñado, cando era presidente de Enagás, quen decidiu que, para o que consumían os galegos e as súas industrias, non necesitabamos unha terminal propia, e renunciou a construír a planta nos terreos que tiña asignados no porto exterior de Ferrol. Non cedeu a concesión deses terreos aos galegos, que si a querían construír e se viron obrigados a buscar un emprazamento alternativo. Por desgracia, os galegos coñecemos ben canto tardan en chegar a nós as infraestruturas (AVE, autopistas...). De non ser por Reganosa, isto tería ocorrido tamén co acceso ao gas en condicións competitivas. 

Nós simplemente somos galegos e si, defendemos os intereses de Galicia, queremos que os nosos fillos poidan traballar onde naceron, e traballamos cada día por construír unha sociedade mellor. Parece suxerirnos que, para o peche que vostede pretende, busquemos solución na Xunta para recolocarnos. Pois ben, nós só queremos seguir traballando con profesionalidade e seguir xerando emprego e oportunidades como ata agora. 

En 20 procesos xudiciais intentouse que a terminal fose declarada ilegal. Nunca se conseguiu. Porque, como é obvio, se Reganosa fose ilegal, non estaría funcionando. Non por repetir moitas veces unha mentira se convirte en realidade. Na España actual, en cumprimento da última sentenza do Supremo, de feito, estamos a tramitar unha nova avaliación ambiental.

Sobre as distancias e a situación urbanística,  a sentenza do Tribunal Supremo de data 21 de setembro de 2017 valida a nosa ubicación despois dunha completa avaliación ambiental estratéxica. 

Outra mentira: Reganosa non existe grazas a Enagás. O certo é que existe a pesar de Enagás. 

Unha máis: Ana Pastor nunca foi membro do consello de administración de Enagás. 

Tampouco somos ineficientes: a nosa terminal está por derriba da media de utilización de tódalas terminais de España. 

Señora Gabeiras, como ve, somos claros, defendemos uns intereses moi concretos: o noso emprego, o futuro de Ferrolterra e o futuro de Galicia. Unha loita na que, durante as últimas semanas, temos recibido o apoio de compañeiros doutros comités, da sociedade civil e dos representantes lexítimos da cidadanía, cubrindo todo o abano político (PSOE, PP, BNG, IU,...). 

Como xente profundamente demócrata, cremos que deben ser tidas en conta tódalas opinións. Pero, por riba das opinións, prevalecen os feitos, o dereito da cidadanía a recibir unha información veraz.

Porque sabemos o que somos e como traballamos, o único que desexamos é que o noso futuro laboral estea nas mans dos técnicos competentes das distintas Administracións e non nas de persoas cos seus intereses en entredito, que xa pretenden decretar o noso peche.