«Caldoval xa está a ser un catalizador do turismo de Mugardos»

A súa misión consiste en facer de «cicerone» nos baños romanos da vila, polos que xa pasaron mil visitantes desde a súa apertura


ferrol / la voz

O pasado 23 de septembro, só catorce días despois da súa apertura, o Centro de Interpretación de Caldoval, en Mugardos, acadou o seu visitante número 1.000. Hoxe xa anda preto dos 1.200 e os seus responsables confían en que as cifras continúen subindo como a espuma co inicio das visitas de grupos escolares procedentes de toda Galicia. Francisco Peleteiro (Vigo, 1979), experto en xestión do patrimonio e museografía, é un dos dous guías encargados de facer de cicerone nas visitas a un centro que aloxa os restos dun complexo termal e deportivo romano único no noroeste peninsular.

-Mil visitantes en só dúas semanas. Esperaban que a acollida fose tan boa?

-A verdade é que había moita expectación, pero nin de lonxe esperábamos que viñera tanta xente. A acollida foi espectacular. Acadar mil visitantes en só catorce días é un dato moi bo, sobre todo tendo en conta que aínda non empezaron a visitas de grupos escolares. Ademáis, veu moita xente de Mugardos, pero tamén de toda a comarca e de diferentes puntos de Galicia o que demostra o interese que está a despertar o centro.

-Por que é tan especial este xacemento?

-Porque é o único do noroeste peninsular no que, xunto cuns baños domésticos romanos, podemos atopar tamén unha palestra, é dicir, un ximnasio ao aire libre para facer exercicio e deporte . Nesta palestra a xente da época practicaba xogos moi parecidos aos de hoxe en día, como por exemplo o expulsim ludere, que era como o balonmán, ou o harpastum, que era unha especie de rugby pero máis violento.

-Violento?

-Menos meter os dedos nos ollos dos cotrincantes todo estaba permitido, así que xa te podes imaxinar...

-Sábese de quen eran estos baños?

-Os baños estaban nunha vila romana «a mare», é dicir, á beira do mar, no lugar do Punta Promontorio, onde agora están as instalacións de Reganosa. Os restos datan do século primeiro antes de Cristo e suponse que esta vila pertencía a un membro da élite romana, a una terratenente que probablemente adicábase ao comercio de peixe ou salazóns. A vila era unha especie de pazo, no que, ademais de haber espazo para estas actividades, tamén incluía un complexo termal de ocio e deporte. Os romanos sabían disfrutar da vida e dábanlle moita importancia ás actividades ximnásticas e lúdicas.

-Que é o que máis chama a atención dos visitantes?

-Pois precisamente o que dicía antes: o ben que se organizaban os romanos para o ocio e o disfrute da vida. Aos visitantes tamén chámalles moito a atención a súa enxeñería, con métodos de construcción que permiten conservar os restos dos edificios dous mil anos despois. E a forma que tiñan de quentar os baños co hipocastum, unha especie de chan radiante, ademais dos elementos de hixiene persoal, como os bañadores da época ou unha rascadeira que empregaban para exfoliar a pel.

-A partir do 1 de outubro o centro deixará de abrir todos os días para facelo só os fins de semana (venres, sábado e domingo). Haberá alguna novidade máis?

-A principal novidade será que empezaremos a organizar obradoiros, os venres para os nenos das visitas escolares, e os sábados e os domingos, para toda a la familia.

-Na súa opinión, que impacto pode ter este centro na economía de Mugardos?

-O Centro de Interpretación de Caldoval vai ser e xa está a ser un gran catalizador do comercio e do turismo da vila. Os baños están atraendo a un montón de xente á vila e esa xente non só vén para ver o centro, senón que tamén comen e pasan o día no pobo. Caldoval situou Mugardos no mapa dos museos.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

«Caldoval xa está a ser un catalizador do turismo de Mugardos»