27 xaneiro 1938: Fusilamento de Amada García e os seus sete compañeiros

Bernardo Máiz TRIBUNA

MUGARDOS

27 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En sentencia ditada en Ferrol o 2 de decembro do 1937 consecuencia causa xudicial sumarísima do exercito de terra, corenta e nove persoas veciñas de Ares e Mugardos foron condenadas a diferentes penas, vinte catro delas a morte por fusilamento; dezaseis foron conmutadas, as outras oito non.

No amencer de do 27 de xaneiro do 1938, aínda noite pecha, contra a parede traseira lateral dereita do semibaluarte leste do hornabeque do castelo de San Felipe, boca da ría de Ferrol, dúas descargas dos mosquetóns do pelotón de fusilamento e catro disparos da pistola do oficial ao mando, deron fin á vida de Amada García Rodríguez, de 28 anos, de Mugardos; de Germán López García, de 50 anos, de Redes, de Jaime González Pérez, de 31 anos, de Ares; de Juan José Teijeiro Leira, de 41 anos, de Mugardos; de José María Montero Martínez, de 39 anos, de Mehá; de Ramón Rodríguez López, de 38 anos, de Redes; de Antonio Eytor Canizo, de 57 anos, e de Ángel Roldós Gelpi, de 50 anos, os dous concelleiros en Mugardos.

Foran condenados a morte por ter defendido a legalidade republicana fronte á sublevación militar de xullo de 1936. Minutos antes da execución, Gabriel, o fillo que Amada García parira estando presa pendente de xuízo, foille entregado á súa familia.

En memoria de Amada García as ?Cantareiras de Trasancos? compuxeron o que segue: ?(...) A lembranza é para ti/ Por muller e camarada,/ Por nai, razón e camiño,/ Por mártir republicana?.

A marxe de xustificada lembranza afectiva e tráxica, a transcendencia da vida e morte de Amadita vai moito máis aló dos seus valiosísimos roles femininos de esposa e nai, e a tal fin está para saír un volume neste ano 2016, oitenta anos despois da sublevación militar-fascista.

Como escribiu o poeta Rodríguez-Fer ?Lembramos os compañeiros/ que con ela alí morrían./ Mataron a amada Amada/ mais vive Amada García?.