Xoán Rubia: «A música galega non está na UCI, pero precisa vitaminas»

MUGARDOS

Aos 67, Xoán Rubia síntese cheo de vitalidade.
Aos 67, Xoán Rubia síntese cheo de vitalidade. césar toimil< / span>

Coincidindo co Día das Letras Galegas, Mugardos renderá homenaxe a unha das voces más valiosas da comarca

10 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Chega á entrevista cun sorriso, enfundado nunha chupa de coiro e co casco da moto na man. «Sempre fun moteiro, pero hai algún tempo volvinlle a coller o gusto; a miña nora di que é un síntoma de que non quero facerme vello», di entre risas Xoán Rubia (Mugardos, 1947). Sexa como for, o certo é que o intérpetre -unha das principais voces do movemento da nova canción galega- non asemella que lle faga falta bastón ningún. Ao revés. Reborda vitalidade e ledicia. E máis aínda desde que o Concello de Mugardos lle comunicou que lle ía rendir unha homenaxe co gallo do Día das Letras Galegas. Será o venres, ás 20.30 horas, no Casino Mugardés.

-¿Sorprendido?

-Moito. Eu non contaba con isto para nada. As homenaxes normalmente son para xente que fixo cousas moi importantes e que xa están mortas ou a piques de estalo. Un amigo meu di que estas cousas hai que disfrutalas cando aínda estás... E iso vou facer.

-Desde o seu primeiro disco, no 1969, xa choveu. ¿Séntese satisfeito destes 45 anos de carreira musical?

-Eu nunca pensei no mundo da música coma un xeito de sobrevivir e iso deume moita libertade para facer sempre o que me apeteceu. Paseino moi ben e a música sempre foi para min unha válvula de escape. Quizais do que me sinta máis satisfeito e de ter visto a canción coma un medio para chegar á xente e tratar de dicirlle cousas. Coma unha vía de transmisión de ideas e un xeito de reivindicar os nosos sinais de identidade, a nosa fala. Os primeiros anos foron tempos románticos pero tamén difíciles. Penso que puxemos o noso gran de area e, daquela semente, sen grandes aspaventos, xurdiu o que foi despois a música galega.

-Dicía hai pouco Xoán Eiriz que se a música está mal, os cantautores están na UCI...

-O que me parece é que, no que concirne á música galega, dá a impresión de que non houbo relevo da historia que nós comenzamos. De todos os xeitos, eu non diría que a música galega está na UCI, pero si que precisa dunhas fortes inxeccións de vitaminas para tirar cara a diante. Faltan apoios e, ás veces, os novos talentos non ven outra salida que abandonar.

-¿Segue sendo necesaria a canción de corte social?

-A música e a literatura sempre son necesarias. Boto de menos a canción que leve un texto axeitado, con contido. Hai moita frivolidade. Pero, por sorte, hai autores como Serrat, Sabina ou Aute que seguen vixentes e non só pola beleza da súas cancións, senón tamén polo que contan nelas.

-¿Os anos xogan en contra dos cantantes?

-Eu véxome mellor. Escoito os meus primeiros discos e teño unha voz moi afrautada, de adolescente. Agora é máis grave, e por riba, os anos danche a experiencia para interpretar con máis sentimento.

-¿E agora que?

-Agora que xa entrei a formar parte da clase pasiva, como din algúns, teño tempo para ensaiar, escribir... e tamén para estar co meu neto, o Dani, qué e un ceo.