Emocións e reencontros no 50 aniversario do CPI Virxe da Cela: «É máis que un cole»
MONFERO
O centro de Monfero celebrou este sábado un acto conmemorativo do seu medio século de vida
25 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«Unha homenaxe á importancia da educación no rural e ao valor da comunidade educativa «como motor de unión e convivencia». Niso se convertiu esta fin de semana o CPI Plurilingüe Virxe da Cela, en Monfero, na conmemoración do 50 aniversario do centro.
Ao acto, celebrado este sábado, asistiron un bo número de antigos alumnos e docentes e diversas autoridades como o director territorial, José Santiago Freire Abeijón e o alcalde en funcións de Monfero, Alberto Cortizas. Destacada foi a presenza do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, exalumno do centro que puxo en valor «a importancia da educación pública e de manter os servizos no rural como garantía de futuro e igualdade de oportunidades».
«Aquí construín gran parte do que son hoxe», dixo Pedro Blanco. Ademais, engadiu que «defender escolas como a de Monfero é defender que os nenos e nenas poidan medrar na súa terra con igualdade de oportunidades».
Desde a dirección do Virxe da Cela salientan que «durante décadas, o centro foi moito máis ca un colexio». «Supón un punto de encontro para xeracións de familias, alumnado e profesorado que fixeron do ensino unha ferramenta fundamental para manter vivo o tecido social da contorna», indican. «Esta celebración puxo en valor o esforzo e a dedicación de todas as persoas que contribuíron a facer do CPI Virxe da Cela un referente educativo en Monfero», engaden.
Os asistentes tamén puideron visitar a exposición Tirando do fío, baseada no Proxecto Documental Integrado desenvolvido por todo o centro ao longo deste curso. A celebración continuou cunha gran comida popular amenizada polo grupo folclórico Virxe da Cela. Ademais, os máis pequenos gozaron de xogos monitorizados ao longo da tarde. O día rematou coa actuación da orquesta Fania Blanco Show e do Dúo Estrellas.