Este ano pensan solicitar de novo a axuda da Deputación para facerse con outras catro ou cinco hectáreas. «Xa temos contacto cos propietarios», indica o representante do colectivo. Pero a custodia non só vén a través da compra ou a doazón, senón que tamén se establece mediante convenios con particulares ou comunidades de montes. Betula ten acordos con veciños no Seixo, en Mugardos, «por unha extensión dunhas dúas hectáreas de piñeirais e pequenas fragas»; en Vilalba, ao carón do río Madalena, por arredor dunha hectárea; e nas fragas do Belelle, en Neda, por media hectárea.
Convenios cos propietarios
«A asociación fai unha avaliación do terreo, se necesita mellora pódese facer en colaboración, e o propietario comprométese a mantelo en boas condicións», sinala. Betula informa, asesora e orienta ao dono da finca sobre as posibles vías de rexeneración e restauración do monte, nun convenio por dez anos, prorrogable, que se pode romper cando calquera das partes o decida. Dun xeito similar subscriben convenios con mancomunidades, como ocorre coa de Sillobre (Fene), con 27 hectáreas do monte de Marraxón. Agora negocian unha posible colaboración coa comunidade de Brión e Doniños, que xestiona o monte da Cha, que é propiedade do Concello de Ferrol. Betula tamén propuxo a sinatura de convenios de cooperación para a custodia de zonas de interese medioambiental que pertencen aos concellos de Mugardos, Fene e Neda. Neste último «hai moi boa disposición a chegar a un acordo», destaca Martínez.