«No rural faise escola do século XXI, de calidade, adaptada ás necesidades»

A directora do CPI Virxe da Cela, de Monfero e Irixoa, seleccionada como unha das dez mellores docentes de Primaria de España

.

MONFERO / LA VOZ

Mª del Camino Pereiro González (Vigo, 1970), graduada en Educación Infantil e Primaria e posgraduada en Servizos Culturais, leva 20 anos vivindo no municipio lucense do Corgo e sete traballando no CPI Plurilingüe Virxe da Cela, de Monfero e Irixoa (con 137 alumnos), os últimos catro como directora. É a única docente galega recoñecida nos premios Educa Abanca entre os dez mellores mestres de Primaria de España, nos que quedou novena.

-Parabéns, ¿como resultou a experiencia de participar nos premios Educa Abanca?

-Para min e para o centro foi algo inesquecible. Supón unha posta en valor dunha cultura educativa en intima relación co medio, na que no tempo e no espazo teñen cabida as emocións, a valoración identitaria e a superación das dificultades a través do esforzo compartido. Facer a escola do século XXI dende a comprensión da realidade e adaptada ás necesidades individuais, contextuais e sociais. Falamos dunha escola rural que conta cunha ampla representación nas persoas premiadas e que ratifica que estamos ante escolas de calidade.

-¿Que lle dixeron os alumnos?

-Tanto o alumnado do centro coma o conxunto da comunidade acolleron a nominación e a clasificación como algo propio, Foi un recoñecemento que vai máis aló dunha persoa, é un recoñecemento a unha comunidade, sen a cal eu non estaría neste certame.

-O centro que dirixe leva anos destacando pola aposta continua pola innovación, ¿como se logra implicar a alumnos e docentes?

-Aquí o importante é crear comunidade, abrir as fiestras da escola á sociedade e comprender que as cousas non se fan dende a individualidade. Todo é máis sinxelo se os obxectivos se traballan de forma compartida.

-¿Ten algunha dificultade traballar no rural ou son máis as vantaxes que as trabas?

-Os factores que determinan o desenvolvemento integral do alumnado son múltiples e esta maduración debe partir da realidade persoal e contextual para que se adapte ás súas necesidades, intereses e motivacións. Tes que xogar cos retos e ser quen de aproveitar as potencialidades. Falamos de minorar as desigualdades por mor do despoboamento, a escaseza de dinámicas sociais e culturais, ou das derivadas da brecha dixital; e entender que os valores da cultura tradicional, a riqueza patrimonial, a lingua ou as dinámicas de cooperación, son unha fiestra aberta a un mundo global que non ten por que ser distante. Isto supón interactuar e compartir, supón experimentar e sentir, en definitiva exercer no rural é un cúmulo de vivencias positivas que dificilmente se poden dar en ámbitos onde resulta máis complicadas as relacións persoais.

-¿Cal é a función da escola rural, máis aló de formar aos rapaces?

-Por descontado, contribuír a que o alumnado teña acceso a todas as posibilidades que a sociedade brinda. Pero ademais, a ser parte activa da mesma, exercendo como elemento de dinamización social, cultural e incluso económico, na medida das súas posibilidades, para que comunidade e futuras xeracións conten cunha capacidade efectiva para formar parte dos procesos de desenvolvemento endóxeno que tanto precisa o noso rural.

-¿En que proxectos andan no colexio este curso?

-Seguimos contando con Monfero Solidario como sinal identitario do centro. Nel desenvolvemos de forma integral diferentes liñas de actuación, que van dende o voluntariado de centro, a titoría entre iguais, a radio escolar, a programación ou a robótica, entre outros. Neste curso escolar estamos a por en marcha un proxecto titulado «Convivir en igualdade», co que queremos fornecer a convivencia e unha educación na tolerancia e no respecto das individualidades, como elemento de superación persoal e colectiva.

-¿Cales son os seus retos profesionais a curto e medio prazo?

-A nivel de centro, o que máis precisamos é unha reforma no edificio. A fachada e a cuberta están cada vez máis deterioradas. Estamos intentando que as administracións locais sumen esforzos para acadar o financiamento necesario para levala acabo. A nivel persoal, gustaríame ter un pouquiño máis de tempo para mellorar a miña formación, pois a sociedade evoluciona con rapidez e é imprescindible contar cunha competencia profesional adaptada a esta realidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«No rural faise escola do século XXI, de calidade, adaptada ás necesidades»