Fillas de Casandra, cabeza de cartel do Irmandiño de Moeche, o grande festival de agosto en Ferrolterra
MOECHE
Do 21 ao 23 revivirase a revolta do século XV ao pé do castelo
22 ago 2026 . Actualizado a las 17:39 h.Xa só faltan cinco días para o Festival Irmandiño de Moeche, unha das grandes citas musicais do ano na comarca e en Galicia. Nesta edición, a número 47, Fillas de Cassandra achegarán a súa mestura de tradición galega e música electrónica ao campo da festa, ao pé do castelo que pouco antes terán asaltado os irmandiños do século XXI evocando a revolta campesiña do XV. Iria Couce, tesoureira da Asociación Cultural Irmandiños de Moeche, organizadora do evento, debulla o programa. A festa arrincará o venres, día 21 de agosto, coa repichoca popular, «aberta a quen queira, con gaitas e pandeiretas», a partir das dez da noite.
O sábado, o castelo estará aberto desde as once da mañá, cunha exposición promovida polo Concello de Moeche. Logo celebrarase o trail que organiza o Club Deportivo 21Leguas, de Narón. E ás 13.30 horas comezará a sesión vermú no campo do festival. O ambiente trasladarase á zona do castelo a partir das catro da tarde, co inicio dos xogos infantís, previos ao asalto á fortaleza, na que os nenos, en lugar de fachos e lume, empregarán globos cheos de auga, «en dous equipos: os protectores do castelo e os labregos que van queimalo». A revolta dos pequenos enlazará cos xogos tradicionais de adultos, ao pé do campo do festival, con tiro de alpaca, tiro á corda ou serrucho. E ao rematar, pasadas as nove, comezarán os concertos, con Os D'Abaixo (cedidos polo Concello de Moeche, a través da Rede Cultural da Deputación), e Xosé Lois Romero e Aliboria (costeada pola Xunta, a través da área de Política Lingüística, con 4.500 euros).
Pregón de Alba Mancebo
Despois chegará o pregón da xornalista de Vimianzo Alba Mancebo, xusto antes do concerto de Fillas de Cassandra, previsto para as 00.45 horas, e ás 02.45, o da banda de rock en galego Zënzar. E aínda queda o domingo, con sesión vermú desde as 13.30 horas, xantar no campo do festival (sen necesidade de reserva, ata que se esgoten as existencias) e música con No Cómbaro e Leirana (cedido pola Deputación á asociación organizadora do festival, a través da Rede Cultural).
Na presentación, o mércores, a deputada provincial Natividade González definiu o Festival Irmandiño como «un exemplo de como a cultura pode actuar como elemento de cohesión social, transmisión da memoria e dinamización do territorio». A Deputación achega 16.800 euros á organización do Festival Irmandiño, que manexa un orzamento de entre 85.000 e 87.000 euros. O Concello contribúe con outros 9.000 e o resto conségueno a base de traballo, coa xestión da barra e a comida durante os días do festival, e a venda de merchandising. Couce subliña o carácter «gratuíto» deste encontro musical, no que colabora a Asociación de Veciños Val de Moeche.
En total son doce ou trece as persoas que se ocupan de que todo funcione. Ao fronte do colectivo organizador, aparte de Couce, están Alexandre Campos (presidente), Diana Campos (secretaria) e Rubén Dasilva e Xavier Casal (vogais), con apoio de Rubén Pena, alleo á directiva. Convidan a todos a gozar de tres días de festa arredor do castelo.