Lista a primeira instalación fotovoltaica da comunidade enerxética de Moeche: «Debemos sentirnos orgullosos»

LA VOZ MOECHE

MOECHE

La instalación fotovoltaica se ha instalado en la cubierta de la nave del mercado
La instalación fotovoltaica se ha instalado en la cubierta de la nave del mercado CONCELLO MOECHE

Acadou 50.000 euros de financiamento ao converterse en Concello piloto de Comunidade Enerxética Rural

13 jul 2026 . Actualizado a las 18:26 h.

A primeira instalación fotovoltaica da comunidade enerxética de Moeche xa está lista. Montouse logo de que se convertera en Concello piloto de Comunidade Enerxética Rural (CER), no marco do innovador proxecto CELRURAL, «destinado a transformar o modelo enerxético local». As placas colocáronse na nave do mercado. Trátase dun sistema fotovoltaico «hibridado con almacenamento da comunidade enerxética», unha obra que foi licitada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) por 50.000 euros, e adxudicada á empresa Narontec S. L., da comarca.

O financiamento vén de fondos europeos do programa de cooperación transfronteiriza Interreg POCTEP España-Portugal, coa participación da Fegamp e da Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia, como recordan fontes municipais.

«É un avance importante do que debemos sentirnos orgullosos, como proxecto colectivo que é, no que o Concello funcionou de elemento tractor, contando coa aposta dun grupo de veciños e veciñas que foi medrando, e que agora dá un paso real, tanxible, que non era doado acadar neste prazo de tempo e nestas condicións, e marca un novo reto no futuro deste proxecto», subliñou a alcaldesa, Beatriz Bascoy.