A Feira de Gando de Moeche do 14 de xuño premiará as manadas máis grandes de bovino e equino
MOECHE
O Concello tamén programa un concurso de fotografía
19 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello e os gandeiros de Moeche colaboran na organización da Feira de Gando, que chegará á oitava edición o 14 de xuño, entre as nove da mañá e as cinco da tarde. «Servirá como punto de encontro para profesionais do sector, veciños e visitantes, con actividades pensadas para todos os públicos e para poñer en valor a vida e o traballo dun sector tan importante como o gandeiro», subliña a alcaldesa, Beatriz Bascoy. Esta vez, os gandeiros que participen na feira poderán optar a premios dotados con 150 e 100 euros, para as manadas máis numerosas, coa novidade de que nesta ocasión o gando equipo tamén se incorpora aos galardóns.
Haberá outro, por cen euros, para o gañador do voto popular, xa que o público poderá elixir o seu favorito. Maquinaria agrícola, música e sorteos completarán o programa da xornada, coa prohibición de que entre gando bovino de fóra de Galicia. «Isto obriga a portar a guía para o transporte do gando. O código de explotación do recinto feiral é o ES150490050401», segundo indican fontes municipais.
Concurso de fotografía
A feira tamén inclúe a fotografía, cun concurso aberto a toda a cidadanía para «reflectir a riqueza visual e humana do mundo rural». Establécense tres categorías para as imaxes: dunha gandería, da vida no rural e da infancia no rural. E estarán expostas na nave do mercado durante a feira, onde un xurado composto por persoas do ámbito veterinario e do Consello Local da Infancia as valorará para os premios, un por sección.