A Deputación financia unha investigación sobre o toelo, «a pedra de Moeche»

LA VOZ MOECHE

MOECHE

Participantes nunha ruta do toelo guiada polo xeólogo Francisco Canosa
Participantes nunha ruta do toelo guiada polo xeólogo Francisco Canosa CÉSAR GALDO

Expertos de catro universidades participaron no estudo, coordinado por Ana Jesús López, profesora da UDC

13 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Expertos das universidades de Salamanca, Vigo e Calabria (Italia), coordinados por Ana Jesús López, profesora da UDC e secretaria xeral da Real Sociedade Española de Física, desenvolveron unha investigación científica sobre o toelo, ou pedra de Moeche, financiada pola área de Turismo da Deputación da Coruña. O toelo pertence ás serpentinitas, «rochas moi apreciadas non só pola súa complicada historia xeolóxica, senón pola súa beleza», explica López.

«Utilízanse en todo o mundo para construír o patrimonio arquitectónico de diferentes países, como Italia, India, Paquistán, Guatemala, Estados Unidos e España», engade. Este equipo internacional analizou a composición física e química de mostras tomadas nos afloramentos das canteiras da Ferraría, Penasalbas (en Moche) e Balbina (As Somozas). Destacan as «importantes diferenzas» de cor, dureza e textura ao tacto» atopadas entre as tres, «malia pertenceren a unha mesma formación xeolóxica». As análises confirman «a baixa presenza de materiais perigosos, como amianto ou metais pesados».

O estudo tamén conclúe que as serpentinitas, asociadas a «rochas talcosas», de grande potencial «como material de talla e para cerámica, poderían desencadear unha actividade artesanal na zona, vinculada á economía local, que de seguro florecerá apoiada no recoñecemento da zona como Xeoparque Global da Unesco». Moeche forma parte do Xeoparque do Cabo Ortegal. A alcaldesa, Beatriz Bascoy, destaca o valor científico do documento, que permite coñecer mellor o toelo.