Moeche reabre o castelo e o Centro das Revoltas Irmandiñas coa nova exposición

LA VOZ MOECHE

MOECHE

cesar galdo paz

Deputación e Concello investiron 62.500 euros nas obras

18 mar 2023 . Actualizado a las 20:50 h.

O Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas do castelo de Moeche reabre este sábado as portas, logo dos traballos para renovar a exposición. A alcaldesa, Beatriz Bascoy, e o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, reinaugurarán a sala, logo dun investimento de 62.500 euros, cofinanciados pola área de Turismo da Deputación (80 %) e a Administración local (20 %).

Logo dun intenso traballo de investigación, a empresa Trivium Estratexias en Cultura e Turismo S. L., adxudicataria do proxecto, reorganizou o espazo con novos paneis, «que farán da visita unha experiencia máis atraente e didáctica para todas as idades», subliñan desde o goberno local.

O centro volve á actividade desde este sábado ás 12.30 horas. A partir de agora, o castelo e o centro estarán xa abertos ao público cos horarios de primavera: mércores, xoves e venres, de 11:30 a 13:30 e de 16:00 a 19:00 horas; e os sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 20:00 horas. Se o festivo cadra polo medio da semana, o castelo pechará ao día seguinte laborable.

Os prezos das visitas son: 2,50 euros para maiores de 16 anos e 1,50 euros de tarifa reducida (de seis a 16 anos, para maiores de 65, os centros de ensino e as familias numerosas). Son de balde para menores de seis anos, grupos de alumnado do CEIP San Ramón e para os veciños con tarxeta municipal de acceso en vigor.