Un libro editado polo colectivo Val de Moeche repasa a historia recente dos veciños do concello

LA VOZ MOECHE

MOECHE

CEDIDA

É a primeira dunha serie de publicacións coa que pretenden recuperar a memoria das distintas parroquias

14 nov 2022 . Actualizado a las 23:07 h.

O patio de armas do castelo encheuse de xente na presentación de Moeche na memoria, o libro editado pola Asociación Veciñal, Cultural e Recreativa Val de Moeche que recolle «unha parte da vida dos homes e mulleres das parroquias do municipio aló polos anos 50, 60, 70 e 80 do século XX».

Trátase da primeira dunha serie de publicacións coas que pretenden recuperar a memoria do pobo, «a través de entrevistas con protagonistas directos daquela época [...], por medio de familiares, veciños e veciñas que conservan ferramentas, documentos e fotos doutros tempos. E mesmo publicando traballos elaborados anteriormente e que nunca viran a luz», como explican no prólogo. A iniciativa partiu da directiva da asociación e as persoas que se encargaron de contactar cos protagonistas, entrevistalos, transcribir as conversas, darlles orde, recoller as fotos e o resto dos documentos, «e mesmo escribir historias xa esquecidas», foron Manolo Parada Tuimil, Fina Rego Parada, María Painceiras Pita, Remedios Hernández e Xaquín Ros Rodal (coordinador da publicación).

O primeiro texto é sobre Soledad Campos Gil e os xaboncillos de toelo, e tamén se fala do colectivo teatral Castelo de Moeche, das minas de cobre, da caleira (un texto ilustrado con debuxos e planos), das canteiras ou de Encarnación Luaces Fraga, a casa da zapateira (reprodúcese a súa correspondencia), o escolar de Moeche, os castros ou a creación do concello. Remata cuns relatos curtos.