«Teño pendente un traballo: quero esculpir a fachada de María Pita»

André Couce / A. U. FERROL / LA VOZ

MOECHE

César Toimil

Dedica os seus días a facer tallas de madeira sobre diferentes monumentos, figuras ou ata cadros, tendo parte da súa obra exposta no castelo de Moeche

03 ago 2022 . Actualizado a las 22:27 h.

Con 74 anos as súas costas José Fernández Hermida inda ten enerxías para aproveitar as habilidades que obtivo da súa profesión: ebanista. Xa xubilado, José decidiuse a non parar, para el as ganas de traballar non se detiveron e sempre está a argallar ideas sobre que figura formar na seguinte talla que faga. Actualmente ten unha exposición no castelo de Moeche, que estará dispoñible ata o 31 de agosto.

—Está ilusionado por expor no castelo?

—Sí, síntome moi ben. Eu sempre traballei para este concello de maneira altruísta, e para o de San Sadurniño tamén. Fágoo gustosamente, non me teñen que pagar nada por facelo.

—Cando comezou a traballar na madeira?

—A verdade é que comecei de moi novo. As 15 anos e ata agora con 74. Empecei na zona de Anca, aló en Neda, e logo fun traballar para San Sadurniño. Xa cando aprendín ben foi ó ir a Ferrol con Antolín López, o mellor ebanista e persoa que coñecín. De alí pasei a traballar de forma independente nunha cooperativa. Logo xa montei eu o meu propio taller aquí en Moeche no que me vin a traballar. A realidade é que xa fixen traballos para un total de 14 concellos ata o de agora.

—Que madeiras emprega?

—Últimamente estou a traballar sobre todo con madeira de castiñeiro. Emprégoa porque a madeira de castiñeiro é unha madeira moi nobre, que non se torce e déixache traballala moi ben. Tamén emprego madeira de nogueira e de cereixo.

—Que esculpiu por primeira vez?

— Dende que me xubilei... pois fixen a Torre de Hércules, por exemplo, tamén o castelo de Moeche. Funme pondo a traballar e a facer cousas. Tamén fixen unha carrilana que está exposta no castelo e que quedou moi bonita. Logo tamén fixen moitas tallas de cadros de madeira e algunha figura máis pequeniña. Tamén fixen algunhas copas.

—Que supón para vostede a labor de escultor?

—Eu non son escultor, son un mañoso (risas). Inda o outro día preguntoume un rapaz se era o autor e eu díxenlle que facía isto como un pasatempos. A cousa é que telo que ter moi ben pensado na cabeza antes de porte a facelo na madeira. Se non pensas moi ben o que queres facer vaiche acabar saíndo mal.

—Dedicou a súa vida a madeira?

— Si, eu sonche ebanista de toda a vida, pero vouche contar unha cousa. A verdade é que sempre puxen Carpintería José e seguimos con esa idea, pero realmente son ebanista.

—Cal foi a súa escultura favorita?

—É un cadro que fixen para a miña filla. Fíxeno con moito agarimo e a ela gustoulle moito.

—Espuxo fora de Moeche?

—Non, só o fixen nunha feira de abril e non foi nada para vender. Naquela ocasión fixen uns carros como se facían no pasado, e prepareinos para que se puidera enganchar ó cabalo e todo. Pedíronme a colaboración e eu fíxeno encantado. Eu vexo estas cousas como algo que espero que chegue á xente nova e non deixen perder este traballo, porque para vivir da.

—Está a traballar nalgunha escultura?

—Agora mesmo non. Acabei fai pouco un cadro para aquí que puña ‘viva Moeche’. Pero teño pendente un traballo: quero esculpir a fachada de María Pita. O que pasa é que teño 74 anos es as veces costa... pero estou moi ben!

—Vostede fixo a súa propia casa de madeira?

—Antes de comezala fixen o proxecto da casa. Levoume tres anos facela, empreguei madeira de teca africana e quedou moi ben. Síntome moi orgulloso e quedou moi ben illada.

—Que lle diría a alguén que queira dedicarse a isto?

—Que lle ten que gustar, ter un esmero por este traballo para que así non se canse nunca. É un oficio realmente bonito e se o fas ben queda fermoso.