«A preocupación é se enfermas e non podes traballar, non hai xente con experiencia»

La Voz

MOECHE

CEDIDA

César Beceiro tomou o relevo dos seus pais

31 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

ACésar Beceiro e á súa familia tocoulles estar confinados uns días porque un dos seus fillos tivera contacto cun positivo, na escola. Están todos ben, pero a este gandeiro de Moeche preocúpalle enfermar, «porque se estás fastidiado e non podes traballar, non atopas xente cun mínimo de experiencia, ao marxe de que cada granxa ten o seu manexo, diferente das outras». «Na hostalería, por exemplo, baixas a persiana e listo, aquí hai que seguir ordeñando pola mañá e á noite, e hai que seguir alimentando as vacas». Ten 46 anos e hai 25 que tomou o relevo dos seus pais nesta granxa de Moeche, que antes fora dos seus avós.

Na explotación, de momento, a pandemia afectoulles pouco, pero César teme que a industria láctea atope algunha escusa para baixar o prezo do leite, na renovación dos contratos que se formalizará a comezos de abril. «Seguramente aproveitarán iso para baixalo, é o runrún que se escoita. A carne tamén a baixaron, agora páganche un becerro case á metade que antes. Non o entendo, porque comer séguese comendo carne, se non é nos restaurantes é nas casas», sostén.

A actividade diaria non se veu alterada nestes meses. «Agora non, pero no verán tivemos empregados, e o que faciamos era tomar máis medidas, mirar a febre todos os días [...], cos provedores non houbo ningún problema, e os comerciais veñen menos, chámante por teléfono». As arredor de 120 cabezas de gando vacún da explotación (a metade, en produción) botan o inverno no establo e a partir da primavera saen pastar. Este gandeiro é consciente dos beneficios de vivir no rural nestes tempos, máis aínda se se compara cos compañeiros das áreas urbanas, pero cre que a aldea «tampouco é coma antes». «Si, bótanse patacas, pero non se cultiva de todo e tes que saír comprar».