Moeche, corenta anos de gloria irmandiña

A. F. C. MOECHE / LA VOZ

MOECHE

JOSÉ PARDO

O campo do festival encheuse a noite do sábado, cando volveu actuar Saraibas, coma en 1980

18 ago 2019 . Actualizado a las 22:19 h.

«Máis de 2.000 persoas no I Festival Irmandiño», titulaba La Voz de Galicia o 27 de agosto de 1980, uns días despois do evento que, catro décadas despois, continúa impulsando a asociación Irmandiños de Moeche (entón de veciños e agora, cultural). Naquela edición inaugural tocara o grupo Saraibas, de San Sadurniño, que volveu subir ao escenario a noite do sábado, con emoción, dos músicos e do público. «Hai xente que non faltou desde os inicios, que estaba en 1980 e este ano», comentaba Álex Campos, secretario do colectivo organizador.

Desde 1980 non fallou nunca. Hai 40 anos, na crónica xornalística xa se falaba do «éxito» da iniciativa e dos eloxios aos promotores da mesma, o que facía pensar nunha segunda edición. Na cuadraxésima, ameazou a choiva, pero resistiuse ata pasadas as tres da mañá, obrigando a suspender a última parte do concerto final, con Tecor Societario. O grupo lamentou ter que interromper a actuación pola entrega do medio cento de persoas que quedaban no campo, enchoupados de auga, pero incondicionais do festival.

Xa antes foran moitos os que se apuntaron ao asalto -esgotáronse os fachos, como indicou a alcaldesa, Beatriz Bascoy- que reivindica a figura de Roi Xordo e de todos os participantes na revolta en 1431. “Pode que algo esteamos facendo ver, porque ademais do público xeral veu xente do mundo musical e cultural [...]. Pode que algún ano non haxa cartos, pero vaise facer o festival, máis profesional ou máis enxebre, pero farase”, sentenciou Campos mentres axudaba a montar o escenario de hoxe, ao pé do castelo. Onte á noite, no campo, tocaron Os Carecos, Saraibas, Sés (coa súa particular revolución), Huntza e Tecor Societario (a medias, pola forte choiva). Pero a música e a diversión seguen o domingo, coa sesión vermú animada por Os Feroces da Galgueira, e pola tarde, logo do xantar campestre, de novo con Os Carecos e De Nighures. O Concello de Moeche, a Deputación, empresas locais e algunha de fóra colaboraron coa asociación patrocinando o festival, igual ca ducias de voluntarios na parte loxística. Xa miran cara ao 50 aniversario.