«Nun cole pequeno a calidade de ensino é moi grande»

«Ter grupos reducidos é un privilexio, para o alumno é coma unha clase particular»


MOECHE / LA VOZ

Ademais de profesor de educación física de todo o alumnado do CEIP San Ramón, de Moeche, Abel Muíño (Narón, 1986) é o titor de 5º e 6º. Son 57 estudantes e seis docentes, a maiores das prazas itinerantes, compartidas con outros centros, de relixión, orientación, pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe. Antes impartiu clase nos CEIP de Camariñas e Cedeira.

-¿Que diferenza un colexio pequeno dun ámbito rural coma o de Moeche?

-Quizais o que máis, a cercanía que tes co alumnado, coas familias e co profesorado, a relación máis directa cos pais e a confianza, porque os coñeces a todos, tamén aos avós, aos tíos, aos curmáns...

-E iso terá vantaxes e inconvenientes.

-Ten moitas vantaxes, porque coñeces a realidade de cada familia. A escola non acaba na porta, é moito máis; noutros centros saes e esquéceste de todo, aquí continúa.

-¿Como repercute iso nos nenos?

-Ese trato cercano, de familiaridade e confianza, é positivo, non teñen vergoña para preguntarche calquera dúbida... Aquí temos grupos reducidos, de dez a dezasete alumnos, o máis numeroso. A miña titoría é de dez. Para o profesor iso é un privilexio, porque che permite atendelos a todos mellor, máis eficazmente, e sobre todo para o alumno, porque para el é coma unha clase particular, sabes as dificultades e os problemas que ten cada un. E axúdache a crear un clima de harmonía.

-Pero haberá algunha carencia, algo que bote en falta nun centro pequeno.

-Si, e algunhas pódelas solucionar e outras non, porque dependen da administración. Pero a contorna ofrece moitas posibilidades e os nenos teñen relación coa farmacéutica, coa alcaldesa... E se non hai semáforos nin pasos de peóns, pois convertes o cole nun circuíto para ensinarlles seguridade viaria. Si nos vemos afectados ás veces a nivel de recursos humanos, porque tes que compartir especialistas con outros centros. En canto a novas tecnoloxías, estamos ben equipados.

-Vostede vive en Narón, pero o seu fillo, de catro anos, estuda en Moeche.

-Paréceme unha calidade de ensino enorme, ofréceche un abano de posibilidades moi grande, dáche tempo a traballar todo tipo de metodoloxías, dinámicas de grupo, xogos... Ás veces cociñamos cos nenos para estudar os pesos (matemáticas), a habilidade manual, a orixe dos alimentos (ciencias), as receitas (lingua)... E no recreo teñen un biscoito para comer.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

«Nun cole pequeno a calidade de ensino é moi grande»