Os Quinquilláns viaxan no tempo polo castelo de Moeche

A. C. MOECHE / LA VOZ

MOECHE

CÉSAR GALDO

A compañía recrea a vida na fortaleza en 1467, trala Revolta Irmandiña, da man de dous cómicos

10 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dous cómicos, interpretados polos actores Lucho Penabade e Tero Rodríguez, da compañía Os Quinquilláns, narran con humor e imaxinación a historia do castelo de Moeche, nas visitas teatralizadas que comezaron en xullo e continúan todos os venres de agosto (ás 21.00 horas, con reserva previa no 981 404 006). A historia remóntase ao século XV, ao período que vai de 1467 a 1469, con aires de comedia medieval.

«É o tempo no que os Irmandiños mandan, trala fuxida dos nobres, que despois virán e acabarán con eles. Só quedan no castelo dous cómicos mortos de fame», relata Penabade. «Nós, como cómicos, o que queremos é darlle vida a este espazo, coa intención de promocionalo, con seis números, un en cada parte do castelo, desde a recepción e a torre de homenaxe ata a zona onde vivía a servidume ou o patio de armas», explica. A representación, «pensada para divertir», vai dirixida a todo tipo de públicos, «cunha historia moi aberta e fácil de entender».

Os Quinquilláns levan varios anos contando a historia de Galicia desde os castelos e outros espazos de interese histórico e patrimonial. No caso da fortaleza de Moeche, «moi acolledor», destacan «a acústica, marabillosa», e o peso adquirido por mor do Festival Irmandiño. E avogan por dalo a coñecer, «como referente cultural e turístico» de Ferrolterra.