Cristóbal Rivas Díaz, párroco que se traslada a As Pontes: «Sentinme moi acollido en Mañón»
MAÑÓN
Leva nove anos nas parroquias do concello mañonés, O Vicedo e unha de Ourol, e este domingo despídeno os veciños cun xantar en Viveiro
20 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe, logo da misa «de despedida», que se celebrará ás 12 na igrexa do Vicedo, Cristóbal Rivas Díaz xuntarase con moitos veciños das 13 parroquias que atende desde hai nove anos, todas as dos concellos de Mañón e O Vicedo, e unha de Ourol (San Pantaleón de Cabanas), que organizaron un xantar en Viveiro (no restaurante Louzao) para expresarlle a súa estima e dicirlle adeus. Chegaron incluso a recoller firmas, e conseguiron máis de 1.300 (a través de bares, tendas e outros establecementos), para tentar evitar que trasladaran ao párroco que xa leva nove anos neste entorno. O seu novo destino é a unidade pastoral das Pontes, onde el e o cariñés Juan Pablo Alonso Rolle se encargarán de cubrir 22 parroquias, entre os concellos coruñeses de As Pontes e As Somozas, e os lucenses de Xermade e Muras. Rivas Díaz naceu no lugar do Piñeiro, en Cerdido, hai 43 anos, e será substituído por un sacerdote de orixe colombiana, Andrés Segura, que foi ordenado onte na catedral de Mondoñedo, «e vai vivir en Viveiro», segundo explica. «Somos poucos sacerdotes, pola situación de crise vocacional que vivimos, e axudan os convenios da Diócese de Mondoñedo-Ferrol con dióceses de países de África e Latinoamérica, que están mandando curas para botar unha man», destaca.
—Como foi a experiencia destes anos cun pé na comarca de Ortegal e outro na Mariña?
—Nesta zona estiven moi ben, sempre me sentín moi acollido pola xente e eu tamén me integrei moi ben con eles, e iso é importante. Atopei persoas moi acolledoras e intentei, nos oficios relixiosos, acercalos un pouco máis a Deus.
—Que necesidades detectou na zona nestes anos?
—Unha delas sería a falta de infraestruturas para o turismo, porque é unha zona moi turística, sobre todo O Barqueiro, Bares, O Vicedo... E despois, ao tratarse dunha zona rural, ás veces vese deixado de lado por parte das Administracións. Espero que se vai avanzando un pouco en todo isto no futuro.
—Á igrexa acode, sobre todo, xente maior...
—Si, a xuventude brilla pola súa ausencia, a xente que acode ás celebracións ten de 50 a 60 anos para arriba, vese ese declive [...]. Percíbese a necesidade de compañía por parte da xente maior que vive soa (vaise dar un paso coa construción dunha residencia no Barqueiro, será positivo).
—Que papel debe xogar o cura, máis aló dos oficios relixiosos?
—De acompañamento á xente que o está pasando mal, levarlles alimentos de Cáritas, achegarse ás persoas maiores que están soas, acompañalas cando están enfermas, levarlles a comuñón, se así o queren...
—Como vai ser a súa despedida?
—Quero darlles as grazas a todos, sempre lles estarei agradecido polo seu trato, é un momento de moción e nostalxia. Aquí, realmente, eramos como unha familia. Os cambios sempre son difíciles, tanto para o sacerdote como para a xente, pero tamén será unha forma de ver outra realidade de evanxelización.
—Cando comeza nas Pontes?
—O primeiro domingo de outubro xa me presentarei alí.
—Volve moito a Cerdido, outro municipio que tamén sofre o despoboamento?
—Si, tamén é un municipio despoboado, coa poboación dispersa e falta de impulso. Vou porque tamén teño a capellanía dos hospitais de Ferrol, e teño que ir dous días á semana, e é cando aproveito para visitar Cerdido. Traballo non nos falta. Somos poucos, pola crise vocacional.