As primeiras bibliotecas de sementes de Galicia abren en Mañón e Cedeira

LA VOZ MAÑÓN

MAÑÓN

<span lang= gl >Tania Merelas Iglesias, do proxecto Avezar, no medio de Raquel Teijeiro Veiga (derecha) e Noelia Darriba García, de AtalaiAS S. Coop.Galega., son as artífices do proxecto</span>
Tania Merelas Iglesias, do proxecto Avezar, no medio de Raquel Teijeiro Veiga (derecha) e Noelia Darriba García, de AtalaiAS S. Coop.Galega., son as artífices do proxecto

A iniciativa de Tecelás da Terra busca «recuperar, conservar e compartir sementes tradicionais»

21 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira biblioteca de sementes de Galicia abrirá o luns, día 23 (17 horas), na biblioteca municipal do Barqueiro, en Mañón. O mércores, día 25, inauguraranse a segunda, en Betanzos (11.30), e a terceira, na biblioteca López Cortón, en Cedeira (17). A iniciativa é de Tecelás da Terra, un proxecto ecofeminista recoñecido co Premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña 2025. Busca «recuperar, conservar e compartir sementes tradicionais, e poñer en valor saberes vinculados aos coidados da terra e a vida». Trátase dun primeiro paso «cara á creación dunha rede galega de bibliotecas de sementes que fortaleza as relacións entre comunidades, territorio e biodiversidade cultivada». Colaboran os concellos.

Segundo explican as artífices desta iniciativa, esta «constrúese a través dos Círculos de Sementeira, espazos de encontro e traballo colectivo nos que participan veciñas de diferentes xeracións unidas polo interese agroecolóxico. Estes círculos permitiron activar o tecido comunitario que sostén e dá sentido ás bibliotecas de sementes, entendidas como espazos vivos de intercambio e aprendizaxe colectiva».

Engaden que as bibliotecas «funcionarán como espazos comunitarios de intercambio: as persoas usuarias poderán levar sementes para cultivar nas súas hortas e devolver posteriormente parte das sementes obtidas na colleita, garantindo así a continuidade das variedades e o seu coidado colectivo». «Parte dun sistema de confianza e responsabilidade comunitaria, de coidar o que é común e poñer en valor o legado histórico das sementes, facendo énfase na importancia de preservar a biodiversidade», concluyen.