Hixinio Puentes Novo: «Mañón nunca antes tivera un cronista oficial»

A. F. C. MAÑÓN / LA VOZ

MAÑÓN

Xerais

O escritor e investigador, que toma posesión do cargo este venres, está a piques de publicar un traballo sobre a historia do Concello desde 1836

07 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«A estas alturas xa non nos poñemos nervosos», comentaba onte Hixinio Puentes Novo (O Barqueiro, 1952, que esta tarde (20.00 horas, no centro sociocomunitario) tomará posesión como cronista oficial de Mañón. Iso si, a ocasión merece un discurso «preparado», algo estrano para este escritor e investigador dado a «improvisar e derivar». «Antes de que me nomearan cronista oficial [por acordo unánime da corporación municipal], xa o estaba sendo», recoñece quen leva anos indagando na historia do seu municipio. De feito, estes días atópase en fase de maquetación o libro Historia do Concello constitucional de Mañón, que abarca desde o ano 1833. «O motor de que empezara a facer investigación dunha maneira máis decidida foi a miña parroquia, Mogor, O Barqueiro, e despois, como ían aparecendo datos sobre as outras catro pensei ‘se non os recollo arrepentireime', e fun recabando información das cinco», conta. «Antes de que se crearan os concellos, Mañón pertencía á provincia de Betanzos, a través do condado de Santa Marta de Ortigueira, e as outras parroquias [daquela Mogor e Bares eran unha soa] vasculaban hacia a provincia de Mondoñedo», relata. Subliña a riqueza deste territorio, «por ter mar, río, monte, serra... e ser un punto estratéxico polo Camiño dos Arrieiros».

Puentes Novo acumula «moitísimos traballos pendentes de publicación», e confía en que poidan ir vendo a luz, da man do Concello, nos vindeiros anos. A súa curiosidade e as ansias de coñecer son a súa principal motivación, máis aló do nomeamento. «Mañón nunca antes tivera un cronista oficial, a diferenza, por exemplo, de Ortigueira, Concello do que foi cronista Federico Maciñeira, nacido en Mogor», apunta. Dos arredor de 70 traballos que escribiu e atesoura hainos de case todas as temáticas: «Un trata sobre o mar e a pesca, as embarcacións, os naufraxios, a balea de Bares, a carpintería de ribeira... Outro, as parroquias desde o punto de vista relixioso, sacerdotes, capelas e igrexas... Hainos de cuestións máis específicas coma os muíños de auga e vento, as pontes que hai polo río arriba, os foros das Grañas [que pertencía á xurisdición do mosteiro de Meira]. Cousas concretas de cada parroquia e misceláneas. Xa non sei nin os traballos que teño».