Alberto Vecino, guitarrista de Chicharrón: «Facer as cousas sen présa parécenos moi revolucionario» 

FERROL CIUDAD

De esquerda á dereita: Mara Pérez, Rosalía Fernández Rial e Alberto M. Vecino
De esquerda á dereita: Mara Pérez, Rosalía Fernández Rial e Alberto M. Vecino Iria Vázquez

Veñen de publicar «Temporal» e o día 25 actúan en Ferrol, tras o que se afastarán dos escenarios e os estudos «para experimentar durante o tempo que faga falta»

16 oct 2026 . Actualizado a las 20:44 h.

Ningunha canción de Chicharrón pasa por un sen deixar pegada. Ou fere ou cura, ou axita ou sosega, ou fascina ou incomoda. Ou incluso todo a un tempo. Tras unha etapa na que tímidas raiolas de luz se coaban entre os seus versos e acordes, no seu novo disco, o trío retorna ás sombras e á penumbra, nas que tan a gusto se senten. Temporal (Ferror Records) está determinado por densas atmosferas sonoras cargadas de rabia e distorsión, por texturas industriais e unha moi persoal poética na que conviven o apocalipse e a morte coa procura da esperanza e da verdade. «O título, Temporal, ten un dobre sentido: o de como pasa o tempo de rápido e o dese temporal que hai aí fóra, que o revolve todo. Estamos a vivir tempos moi escuros. E se cadra por iso neste disco fixemos algunha canción tan explícita como Avogadas Cristiás, algo que nunca antes fixeramos», comenta Alberto Vecino, guitarra e letrista de Chicharrón.

—Os seus discos sempre son retratos de paisaxes emocionais. Cales reflicte este?

—Temporal xurdiu dunha frase que lle escoitei a un cura nun cabo de ano da miña avoa. Dixo: «Todos somos seres temporais». E a min pareceume superpoético e quedoume aí. Tempo despois, comecei a ter bastantes soños coa miña nai e lembraba momentos concretos nos que estivera con ela que me marcaron. Empecei a escribir a partir diso iso e sobre outras cousas que me marcaron con outra xente e fixen unha recompilación deses textos. De feito, a primeira canción, Area chea de pegadas, é como un resumo deles. Vén dicir que somos como un coro de voces de xente que xa non existe, pero que segue resoando dentro de nós. Nós entendemos este disco como unha busca da verdade interior na nosa propia escuridade. Viñamos dun disco e dunha época moi feliz e este traballo é como ir un pouco máis alá, porque detrás daquela capa de felicidade tamén había outra pequena capa escura.

—Din de «Temporal» que mantén a esencia dos anteriores traballos, pero «abríndose a novas texturas e matices». Cales son esas achegas que este disco aporta dende o punto de vista musical?

—Nunca dixemos: «Que imos facer de novo aquí?». Cada disco reflicte, efectivamente, unha paisaxe emocional que necesitamos expresar nese intre. Reflexionamos moito sobre o que queremos facer e facémolo. Pero non hai ningunha intención de facer nada novo nin de engadir nada concreto.

—En «Area chea de pegadas» din que todos os corpos son mapas políticos.

—Nós falamos moito das cousas que nos preocupan. Dende a política á intelixencia artificial. Pero sempre dende a perspectiva de tentar buscar a esperanza. De feito, creo que temos un grupo por iso. Porque cremos que na arte feita nas marxes é onde está a esperanza.

—Estan contentos no lugar no que están?

—Si. Estamos onde queremos estar. Non temos intención de estar noutro lado. Eu aínda sinto conexión co underground. Nunca nos interesou dar o paso de dicir: «Imos tentar sacar cartos disto». A nosa intención é outra. Nós sentímonos moi cómodas nas marxes e no underground porque aí está a liberdade, a independencia e o sentido crítico, cuestións que me parecen absolutamente necesarias para facer música.

—Cando sacaron «Temporal» dixeron que intuían que este disco era o final de algo, pero que aínda non sabían que. Xa teñen algunha idea máis clara ao respecto?

—Despois deste disco imos pecharnos un tempo no local de ensaio —onde nos divertimos moito e somos moi felices—, e usalo como laboratorio para experimentar sen présa. Non sabemos con que pero si que o queremos facer. Porque aínda que nós non temos que cumprir con ninguén, ao final si que nos vemos na roda de ensaiar con présas para ir tocar non sei onde ou para ir gravar non sei que. Así que dixemos: «Por que non descansamos un pouco?». Facer as cousas con tempo é algo que nos parece moi revolucionario nestes tempos.

—En «Factura» din que os comezos semellan aos finais.

—Non o pensara, porque realmente tampouco sei moi ben que significan todas as frases que escribo (ri), pero si que ao mellor este final é un novo comezo. Todo é un círculo... Ou algo así... Non sei.

—Di que se divirten no local de ensaio e non deixa de chamar a atención, porque podería dar a sensación de que toda esa densidade, esa escuridade, ese sentimento apocalíptico e esas referencias á morte que hai nas súas cancións derivasen nun ambiente máis tirando a triste.

—Para nada. Hai días que nos xuntamos pero nin ensaiamos, porque nos poñemos a falar e a contarnos as cousas que nos atormentan, pero sempre con humor.

—Como vai ser ese concerto no Jofre?

—Moi especial, porque o de pasar un tempo sen tocar e sen gravar estamos pensando en facelo despois dese concerto. Entón, vai ser..., non digo unha despedida, pero si un punto e seguido. E o Teatro Jofre, onde nunca actuamos, parécenos un sitio perfecto para facer un concerto moi íntimo antes desa pausa de experimentación.

 FERROL TEATRO JOFRE DOMINGO 25 19.00 H. 11,60 EUROS