O momumento de Xosé Fontenla Leal acolleu este venres o acto institucional
25 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A cidade de Ferrol celebrou de forma adiantada o Día de Galicia coa tradicional ofrenda floral no monumento de Xosé Fontenla Leal (Ferrol, 1864-A Habana, 1919). Así, a praza do Himno Galego, no barrio de Esteiro, acolleu onte o acto institucional ante a presenza de decenas de persoas que quixeron reivindicar a cultura galega fronte á estatua adicada a un dos ferroláns que divulgou de forma incansable a cultura galega desde Cuba, país ao que emigrou xunto a seus pais, e onde «tivo un papel destacado na difusión do himno, coa música de Pascual Veiga e coa letra de Eduardo Pondal, dous nomes ilustres que tamén dan nome a rúas que rodean esta praza», lembrou o alcalde, José Manuel Rey Varela, que presidiu o acto, ao que asistiu a corporación municipal e representantes de diferentes entidades do municipio.
O rexedor destacou no seu discurso a figura de Fontenla Leal, persoeiro clave na creación da Real Academia Galega. Neste senso, Rey Varela fixo fincapé na necesidade de recoñecer ás persoas que, coma el, sentaron as bases da cultura galega, e salientou tamén como imprescindible «traballar no presente cunha ollada posta no futuro para manter vivas e transmitir ás novas xeracións as tradicións». «Somos responsables de preservar unha cultura propia e de compartila, enriquecendo o conxunto do país ao que pertencemos», engadiu. Entre os elementos diferenzadores da terra galega, como a lingua, o folclore ou a gastronomía, o rexedor fixo fincapé naqueles característicos da cidade departamental, como o Real Coro Toxos e Froles, que puxo música ao acto.