Víctor Freixanes, no ciclo de Faladoiros Literarios que impulsan o Concello de Ferrol e o Campus de Esteiro: «Xornalismo e literatura son amores moi distintos»
FERROL CIUDAD
O escritor afirma que «a linguaxe é a que fai crible o que na ficción se nos conta: nela reside, en boa medida, o xogo que se establece entre o autor e os lectores»
25 feb 2026 . Actualizado a las 00:09 h.Co salón de actos da edificio da Xunta como marco, Víctor Freixanes abriu o ciclo de Faladoiros Literarios que impulsan o Concello de Ferrol e o Campus de Esteiro. Autor dalgunhas das máis grandes obras da escrita de ficción en lingua galega, como O enxoval da noiva e O triángulo inscrito na circunferencia, Freixanes é tamén, ninguén o esqueza, un mestre de periodistas: o autor dese outro clásico que é Unha ducia e galegos (libro de entrevistas no que están presentes desde Otero Pedrayo e o bispo Araúxo ata Carlos Casares e Méndez Ferrín). E desde esa doble condición —a de escritor de imaxinación e a de periodista que da testemuño de realidade do seu tempo—, sinalaba que «xornalismo e literatura son amores moi distintos».
En conversa co periodista de Radio Voz Isidoro Valerio, e flanqueado pola vicerrectora do Campus de Ferrol, Ana Ares, e polo concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, Víctor Freixanes lembrou que «no xornalismo contas a historia doutros», mentres que na literatura, «no fondo, sempre estás a falar de ti mesmo».
«Somos máis nós»
«Na literatura somos máis nós», apuntou Freixanes, reflexionando en voz alta, ante un público do que formaban parte personas dos máis diversos ámbitos académicos e culturais de toda a comarca. E, noutro momento da súa intervención, subliñou algo estreitamente vencellado á linguaxe dos textos da ficción: «A linguaxe —dixo Freixanes, citando entre outros autores a Cervantes e a Faulkner— é a que fai crible o que na ficción se nos conta. Nela reside, en boa media, o xogo que se establece entre o autor e os lectores. Algo esencial —dixo—, porque toda literatura... é un pacto».