Rosana Rodiles, profesora: «Xubílome tras 38 anos de traballo, só quero estar coa familia e ollar ao ceo»

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Rosana Rodiles, na súa querida biblioteca do CEIP de Pazos-Mestre García Niebla.
Rosana Rodiles, na súa querida biblioteca do CEIP de Pazos-Mestre García Niebla. JOSE PARDO

A docente retírase no colexio ferrolán de Pazos-Mestre García Niebla, onde recibiu varias festas sorpresa; «neste centro logramos pasar de 49 a 110 alumnos»

16 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Tanto entusiasmo amosou Rosana Rodiles (Ferrol, 1966) durante os seus 38 anos de profesora, que pola súa xubilación xa leva tres festas de despedida. A primeira foi unha pequena celebración das familias do colexio CEIP de Pazos-Mestre García Niebla, que ata lle achegaron un pexegueiro; a segunda co alumnado e a terceira unha gran comida no asador Gavia. Agora toca descansar... e sobre todo vivir.

—Xubílase con 60 anos.

—O último día de traballo, o 9 de xaneiro cando foi o meu cumpreanos, fixemos unha saída ao mercado da Magdalena e ao ultramarinos El Rápido. O dono Emilio Castro ten 84 anos e segue en activo, xa me daba vergoña decirlle que me xubilo a esta idade. En Nadal as familias me fixeron unha despedida con moito cariño, o 9 tiven un paseíllo co corredor cheo de nenos e profes. Foi o máis emotivo que vivín nestes 21 anos no centro de Pazos. E a sorpresa rematou o sábado cando as miñas fillas me levaron a comer ao Gavia e alí había 60 persoas, unha preciosidade e un bombazo. Agasalláronme cun cadro e unha pandeireta de Leandro Lamas, e cunha zoca co nome do cole.

—Chorou moito?

—E que eu choro por deporte (risas). Sempre tiven unha comunicación directa coas familias e nenos, para estar nun centro de infantil e primaria hai que ter vocación. No recordo pesan máis os moitos momentos felices que os baixos.

—Como foron estes anos?

—Estudei Maxisterio na Coruña e aprobei a oposición en 1989, pero xa antes levaba dous anos no colexio concertado Ludy. Rulei por coles de toda a provincia, desde Fisterra a O Barqueiro. Ao CEIP de Pazos cheguei en 2004, onde fun titora de quinto e sexto de primaria, directora nos últimos anos (agás no presente curso) e encargada da biblioteca.

Unha das despedidas de Rosana Rodiles, profesora do colexio de Pazos, antes do Nadal
Unha das despedidas de Rosana Rodiles, profesora do colexio de Pazos, antes do Nadal Colexio de Pazos

—Especial paixón amosa por esa biblioteca.

—Como encargada foron os anos máis bonitos, onde grazas a un gran equipo fixemos un traballo moi creativo. Porque esta profesión ten moitas horas de desgaste e de traballo nas casas, pero tamén permite a creatividade sobre todo cando atopas a xente que se emociona cos proxectos marabillosos. O colexio vive agora momentos doces en comparación con épocas complicadas, porque foi un centro bastante castigado.

—Por que di o de castigado?

—Porque pouco a pouco se foi quedando sen alumnado. Recordo que o pico máis baixo foi de 49 alumnos no ano 2011 e agora temos 110. Con tal de ter unidades separadas e recursos humanos todo vai ben. Desde hai pouco por fin están os cursos separados por clases, porque chegou a haber grupos mixtos. Temos 16 docentes e o orientador compartido con San Xoán de Filgueira, e agardamos que a administración autonómica envíe profesorado definitivo para unha maior estabilidade.

Rosana Rodiles, noutro rincón da biblioteca.
Rosana Rodiles, noutro rincón da biblioteca. JOSE PARDO

—Cal foi o segredo para duplicar alumnos?

—Tanto o equipo docente como o non docente (incluíndo conserxe e comedor) fixeron unha gran aposta polo centro, abrimos as portas ás familias, cambiamos a liña pedagóxica e unhas familias chamaron a outras mesmo doutros concellos. Non queremos roubar alumnado a ninguén e os públicos temos que apoiarnos. Pero amosamos o traballo nas redes, entramos nos programas que podemos, apostamos por levantar o colexio e saiu ben. Defendemos o ensino en galego, que non todos os centros se caracterizan por iso en Ferrol, e tentamos axudar ás familias máis desfavorecidas.

—E houbo moita integración.

—No seu día houbo unha porcentaxe moi alta de nenos de etnia xitana pero agora non. E faise unha gran integración con familias doutros países. Somos unha gran familia e gústanos facer celebracións, como a Festa dos Cen Días.

—Que relación tivo coa música e a escritura?

—Vivín os anos de Cantareliña como espectadora, no Manuel Masdías encargueime un tempo do coro Ledicia saíndo ao estranxeiro. E escribín libros de texto.

—E agora que fará?

—Quero estar coa familia, porque aínda que entraba cantando de alegría no cole roubeilles moitas horas ás miñas dúas fillas. E tamén quero viaxar, estar na miña casiña con horta, ler, debuxar e ollar ao ceo con tranquilidade.