López Foxo reivindica no seu novo libro a importancia do «realismo político» á hora de «transformar a sociedade»
FERROL CIUDAD
A editorial Lorref publica «A construción da nación...», unha obra na que salienta a importancia de figuras como a do avó de Mariano Rajoy, Enrique Rajoy Leloup, que «tivo un papel central na elaboración do Estatuto de Autonomía de 1932»
20 nov 2025 . Actualizado a las 18:01 h.O poeta, ensaísta e columnista Manuel López Foxo (Ortigueira, 1960) publica, da man da editorial ferrolá Lorref, «A construción da nación desde o realismo político», unha obra na que salienta a importancia de figuras como a do avó de Mariano Rajoy, Enrique Rajoy Leloup, que «traballando cóbado con cóbado con Alexandre Bóveda, tivo un papel central na elaboración do Estatuto de Autonomía de 1932». «Este -di Foxo- é un libro de sentimentos: de afecto e de admiración, de ilusión e de tristezas...».
«É unha mirada de país -di Foxo, co libro nas mans, lembrando que esta nova obra súa naceu das diferentes reflexións,sobre todo artigos, que foi publicando, con Galicia no horizonte, ao longo destes últimos anos. «Temos que ser conscientes -engade- de non hai unha única mirada de país, do mesmo xeito que tamén hai persoas que non teñen visión de país ningunha».
Firme partidario, sempre, do diálogo e do entendemento entre persoas dun xeito de pensar moi diferente, Foxo insisto en que o seu novo libro «reivindica a importancia do realismo político en todo proxecto que busque transformar a sociedade e construír un novo país».
Neste sentido, sinala que «talvez o nacionalismo galego tivo, no tempo da Transición, menos flexibilidade da que tiveron os integrantes do vello Partido Galeguista nos anos trinta do pasado século».