Paula Vázquez defende o galego como lingua da súa morriña por Ferrol: «A miña palabra favorita é bolboreta»
FERROL CIUDAD
Recorda nun vídeo para La Voz de Galicia que é «a lingua das miñas avoas, de Castelao e Rosalía»
16 jul 2025 . Actualizado a las 11:31 h.Tan traballadora como entusiasta, a presentadora ferrolá Paula Vázquez xa se prepara para o programa Race Across the World que empezará a gravar nas vindeiras semanas en América Latina. Pero adicou un tempo a preparar un vídeo para La Voz de Galicia, no que fai unha emotiva defensa do galego e no que amosa a súa morriña por Ferrol. «Para min a lingua galega é a lingua da miña morriña, a lingua das miñas avoas, da miña infancia», explica a famosa presentadora, que tamén é orgullosa caranceira.
Continúa explicando que o galego para ela tamén significa a importancia de «Castelao, Rosalía de Castro e tantos inscritores que nos inspiraron e levaron a aqueles tempos labregos».
E no caso de elixir unha palabra «morriña sería unha delas, pero probablemente a que máis me gusta é bolboreta... mariposa». Finaliza o vídeo enviando «un bico, paisanos».
Será no outono cando Paula Vázquez presente Race Across the World, unha especie de Pekín Express para TVE. Pero a gravación deste concurso de aventuras con famosos xa se inicia nas vindeiras semanas.
A presentadora sempre defendeu con orgullo Ferrol, e nunha entrevista para La Voz de Galicia recordaba: «Chorei ao deixar Caranza coa miña familia nun Renault 12... e choro cando volvo a contalo». Nesta cidade naceu en 1974, e nas vivendas de protección oficial de Caranza medrou cos seus pais, o seu irmán Jose, as avoas María e Josefa, a tía Loli e os catro primos (Xavi, Moncho, Miguel e Dolores).