Os terreos que ocupan a Batería da Costa en San Vicente foron expropiados en 1954 a un prezo medio de tres pesetas metro cadrado
15 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Xa lles teño falado da Batería de Costa en San Vicente do Grove. Outro espolio. Neste caso tanto de monte de mancomún como de cento once fincas de particulares, expropiadas en 1954 a un prezo medio de tres pesetas metro cadrado, ata formar unha extensión dunhas quince hectáreas. Represaliados económicos, como outros. A razón de ocupar ese espazo privilexiado foi a construción dunha batería de costa, que nunca disparou un só obús contra forzas estranxeiras, nin creo que en 1954 houbese medo de tal cousa. Non creo que fose ese o seu destino real. Os canóns, Vickers, fundidos en 1923, xa oxidados, proceden do cruceiro Navarra, botado en Ferrol en 1920, bautizado como Reina Victoria Eugenia e entre 1931 e 1938 como República. Aparte das catro casamatas e do posto de mando, están construídos edificios residenciais e capela. Aos douscentos corenta ferrados expropiados, valados con arame e vixiados hai que engadirlle a prohibición de navegación, pesca e marisqueo na fronte marítima. Perdeu a súa suposta función militar defensiva hai varias décadas e emprégase ou para residencia de ocio para mandos ou adestramentos esporádicos. Pero non é unha Batería de Costa —quizá nunca o foi—. Por iso os veciños —alí perderon fincas meus avós paternos e maternos— deberiamos matinar na reversión deses terreos. Ese dereito parece claro en canto está completamente frustrada a motivación da expropiación e, seguramente, habería que esixilo antes de que o Ministerio de Defensa, —que leva ingresando máis de tres mil millóns de euros pola venda de terreos e edificios expropiados no seu día— os poña á venda. Nese ano 1954 o denominado Ramo de Guerra, con plenos poderes outorgados pola ditadura e coa submisión servil xeneralizada das autoridades civís nomeadas tamén polo mesmo réxime político, arrebatoulles aos veciños cento cincuenta mil metros cadrados, fronte a Cíes, Ons e Sálvora, dos que a gran maioría mantivéronse a monte. A expropiación forzosa fíxose ao amparo da lei de Expropiación Forzosa de Inmobles para o Ramo da Guerra de 1902 que buscaba dispor de terreos para a defensa nacional velis nolis. Curiosamente, nesa Lei era, formalmente, o expropiado o que establecía o prezo —xa se imaxinan— e se non había acordo pagábaselle a contía pola que estivese amillarada —catastrada— a finca dous anos antes da expropiación. E así foi como o Ramo da Guerra apropiouse das fincas dos lugares de Conchido, Brañiña, Cons de Cortello, Pedras Negras, Canelas, Laxe do Abade, Picoto, Cacheirás, Con do Moucho e Fervide. Nos máis de cen expropiados están a maioría das familias residentes actualmente en San Vicente. A día de hoxe o recinto —sen funcións militares— permanece pechado e na maior parte baldío. É unha situación que carece de sentido e fai permanente o espolio sen ningunha razón admisible. Entre os nomes dos afectados, todos con descendentes coñecidos, están: Carmen Otero, José Álvarez, Peregrina Castro, Andrés e Dolores Cousido, Cándido Pérez, Albina Vidal, Ramona Otero, Vicente Vidal, Sabino Vidal, Francisca Vidal, Carmen Vidal, Flora Vidal, Juan Vidal Vidal, Eduardo Vidal, Servando Pérez, José González, Arturo Pérez, Benito Lijó, Rosa Vidal, os Santaya Vidal, Juan Otero, Francisca González, os Carreró Bartret, que dispuñan dun almacén de salga en terreos do común, os Piñeiro Domínguez, Dolores Sáenz, Fidel Pérez, os Otero Leiro, Benito Triñanes, —quen recibiu o mellor prezo: seis pesetas metro—, José Gondar Gago, Juana Lorenzo, Juan García, os Otero Otero, Avelina Domínguez, Manuel Lijó, José, Ramón e Peregrina Castro, Rosalía Lijó, os Magdalena Folgada, Antonio Magdalena, Juana Álvarez, Luisa García Domínguez, Juana Gago, ou os Vidal Folgada. E se non hai reversión, tamén podería declararse ben patrimonial, se é que resulta admisible conservar o testemuño dun espolio; e de toda unha época. Quizá estivese ben unha negociación política se houbese algún prócer interesado en atopar o destino axeitado para ese espazo. Pero non creo que o haxa.