Siro: «Eu son ferrolán, e síntome feliz cada vez que volvo estar en Ferrol»

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

CESAR TOIMIL

Di que a cidade sería a ubicación ideal para un Museo da Reconciliación

21 abr 2025 . Actualizado a las 13:26 h.

Siro López (Ferrol, 1943) expón na sede ferrolá de Afundación, no Cantón de Molins, ata o día 21 de maio (nunha mostra organizada polo Parlamento de Galicia coa colaboración de La Voz de Galicia e Afundación, Obra Social Abanca), unha parte esencial do seu traballo. Trátase de 230 viñetas publicadas en La Voz entre os anos 1985 e 2006, nas que o debuxante ferrolán dirixiu a súa mirada, chea dun moi intelixente humor, aos que naqueles momentos protagonizaban a política galega. E esta mostra, que leva por título 40 anos de autonomía nas caricaturas de Siro, aínda sendo en si mesma xa un valiosísimo documento para o coñecemento da historia —e da intrahistoria— do país, adquire en Ferrol unha dimensión moi especial, por ser aquí, ademais, como o propio Siro sinala, «unha volta ás orixes».

—Que é hoxe, para vostede, Ferrol?

—Ferrol é a cidade na que eu nacín, onde me fixen home e onde aínda conservo amigos do tempo da adolescencia. Xa che teño contado que cando vou a Ferrol, nada máis chegar a Fene e ter ao lonxe a primeira vista da cidade, sempre me poño a cantar. Porque é que Ferrol é a miña cidade. Estoulle moi agradecido a Coruña, agradecidísimo, pero eu son ferrolán, e síntome feliz cada vez que estou en Ferrol. E ademais teño a impresión de que Ferrol, como cidade, xa tocou fondo, e agora está empezando a repuntar. Sabes, por certo, para que penso eu que sería Ferrol o lugar ideal?

—Dígame.

—Para albergar un Museo da Reconciliación. Que é algo que xa propuxen non sei cantas veces, sen lograr xamais que me fixesen caso. E penso que hoxe ese museo sería máis necesario no país que nunca, porque os espectáculos que estamos vendo entre os parlamentarios, ás veces son terribles. Gustaríame que ese museo existise, e gustaríame sobre todo que se crease no Ferrol no que naceron tanto Pablo Iglesias como Francisco Franco. Eu, como xa teño dito máis dunha vez tamén, ofreceríame para pintar, por suposto gratuítamente, un retrato de Azarola.

—Falando de pintura: está pintando algo, agora?

—Pois a verdade é que cada vez pinto menos... pero escribo máis.

—E escribe marabillosamente, todo sexa dito de paso.

—Non, non...! Nada está máis lonxe da realidade. A min, escribir, cústame moitísimo. Escribir supón para min un gran traballo, que ademais fai que me sinta moi inseguro. Por iso todo canto escribo, antes de publicalo, vólvoo ler non sei cantas veces. O meu medio natural é o debuxo. A escritura supón para min un esforzo verdadeiramente enorme, inimaxinable.

—Estamos perdendo, como sociedade, o sentido crítico?

—O que estamos perdendo é o sentido do ridículo. Hoxe vale todo. E ás veces se eleva á categoría de xenios aos que fan cousas que en realidade non pasan de ser tomaduras de pelo.

—O humor axuda a seguir camiñando?

—O humor é importantísimo! Un refuxio. É o lugar no que algúns nos sentimos máis protexidos.

—Vostede é un estudoso da figura de Castelao, e sente unha especial devoción por el...

—Castelao é unha figura da que calquera cultura do mundo se sentiría orgullosa. Tiña un inmenso talento e unha gran conciencia ética. E era, ademais, un humorista de verdade, con esa concepción do humor que tamén está tan presente en Cervantes.