A vía rápida do cancro de endometrio atendeu o pasado ano a 288 mulleres en Ferrol
FERROL CIUDAD

O Campus acolleu un encontro
16 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou onte no Campus de Ferrol a Xornada pola endometriose que organiza a Asociación Galega de Endometriose querENDO para visibilizar, con motivo do día mundial desta enfermidade, un acto no que ratificou o compromiso do Goberno galego por seguir mellorando a atención que se lle presta ás mulleres que padecen esta doenza na comunidade. A entidade querENDO celebrou onte o seu décimo aniversario.
Durante a súa intervención, Gómez Caamaño apuntou que esta enfermidade afecta arredor do 10 % da mulleres galegas en idade reprodutiva, un dato que, tan só en Galicia, acada a cifra de 60.000 mulleres. Neste senso explicou que, desde que no ano 2019 a Xunta dotou a área sanitaria de Ferrol dunha consulta específica para a endometriose, o seu servizo de Xinecoloxía e Obstetricia rexistrou un total de 1.461 consultas coas que se garantiu unha atención especializada da doenza.
Resposta rápida
Gómez Caamaño referiu que estas cifras reflicten unha necesidade real e unha resposta clara do sistema sanitario para atender as mulleres que padecen esta enfermidade, ao tempo que agradeceu o papel fundamental que xogan as asociacións de pacientes, e en especial querENDO, á hora de dar visibilidade á endometriose. Do mesmo xeito, a vía rápida do cancro de endometrio atendeu o pasado ano un total de 288 mulleres na área sanitaria de Ferrol.
Nesta liña o conselleiro comprometeu o traballo da Consellería de Sanidade para seguir mellorando a atención, axilizando os diagnósticos, potenciando a investigación e garantindo que todas as mulleres con endometriose reciban a asistencia que merecen. Antonio Gómez Caamaño subliñou que o Plan de Reprodución Humana Asistida que impulsa o Goberno galego fixo posible que, desde finais do pasado ano, as mulleres con endometriose poidan conxelar os seus ovocitos no banco do Servizo Galego de Saúde.
Unha xornada que contou con especialistas e talleres
A xornada de onte no campus congregou a especialistas nesta enfermidade. As 10 horas as xinecólogas Verónica Míguez Vázquez e Laura Sánchez Rivadulla ofreceron a charla titulada A consulta de endometriose da área sanitaria de Ferrol. A continuación María Jesús Movilla Fernández e Sara Fernández Baana presentaron a ponencia Investigación en endometriose dende as experiencias das mulleres. As 11.45 horas, o matrón David González Martínez falou sobre As matronas en primeira liña, e a médica de familia Ana Isabel García Fernández abordou a labor de atención primaria na detección e tratamento da endometriosis.
Os actos incluiron a lectura dun manifesto na praza de Humanidades del Campus e un taller Electroestimulación: amiga na endometriose, da fisioterapeuta Alicia Martínez Lado.