O bum do Bertón afiánzase con solo para crear ata 56 vivendas protexidas: «Con parcelas a prezos un 64 % por debaixo do anterior concurso»

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

A conselleira de Vivenda, na presentación das parcelas aos promotores.
A conselleira de Vivenda, na presentación das parcelas aos promotores. JOSE PARDO

Tanto estas como outras 54 de promoción pública poderían iniciarse en 2025

25 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A expansión residencial de Ferrol continúa, ao mesmo tempo que aumenta a súa poboación. E a Xunta mantén a súa intención de dotar á cidade e ao seu contorno con solo para 1.200 vivendas no seu plan ata 2028. O Bertón lévase boa parte do pastel. Nunha reunión onte con arquitectos e cooperativas, a Consellería de Vivenda anunciaba a saída a concurso da adxudicación de dúas parcelas para construír ata 56 novas vivendas protexidas neste polígono. A isto sumaríanse os futuros 54 pisos de promoción pública tamén no Bertón, ou a previsión de redacción de proxectos para ata 315 vivendas.

Para a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que explicou a proposta a representantes do sector inmobiliario, «isto é unha aposta por revitalizar Ferrol, que ten un potencial inmenso». Segundo María Martínez Allegue, «Ferrol é sinónimo de oportunidades e futuro». A través da empresa pública Xestur, convócase este concurso para dúas parcelas de solo residencial. Nunha parcela os promotores ou cooperativas poderán construír entre 24 e 30 vivendas protexidas, e noutra entre 24 e 26. Ambas poden ser en réxime e dereito de superficie ou en compravenda. No caso de compravenda en réxime especial o prezo é de 162.429 euros nunha parcela e de 119.903 euros noutra. As cifras poden subir ata chegar a 390.065 euros, segundo a parcela e réxime das vivendas. Tanto estes pisos como os 56 protexidos poderían iniciarse en 2025.

Como recalcou o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, «son prezos que están un 64 % por debaixo do anterior concurso convocado en novembro de 2022». No caso das parcelas en dereito de superficie, os adxudicatarios teñen que pagar «un canon moi reducido de entre 119,9 e 227,66 euros ao ano». Aquí adicarase obrigatoriamente a alugueiro a prezo limitado e por un prazo de 60 anos. Nas compravendas, os pisos terán que adicarse á venda ou a alugueiros pero sempre a prezos limitados.

Ofertas ata o 25 de novembro

As ofertas poden presentarse ata o 25 de novembro, coas bases a consulta en Xestur Galicia. E os promotores ou cooperativas interesadas terán que presentar unha proposta arquitectónica, con preferencia para as vivendas en réxime especial en alugueiro e para a adxudicación do solo en dereito de superficie. Neste tipo de proxectos os prazos en obra nova son de 36 meses.

Segundo a conselleira María Martínez Allegue, «son prezos moi atractivos no solo, o alcalde di que esta cidade subiu en poboación e nós queremos reforzala con importantes investimentos en infraestruturas, como o proxecto de Abrir Ferrol ao Mar e coa peonalización entre Ferrol Vello e Caranza por 11 millóns de euros». Para a concelleira de Urbanismo, Blanca García, «agora o sector público e o privado deben ir da man».