
Este xoves presentouse «Cinza» e este venres haberá música polos bares e polo rural, sempre na memoria de Luísa Villalta
20 may 2024 . Actualizado a las 19:30 h.No cemiterio de Santo Amaro xunto ao mar, descansa eternamente Luísa Villalta. Onda nós nunca pasan os trens, só chegan ou parten. Por iso tamén somos nós a nosa última estación, o noso amor definitivo. Este poema foi escrito pola protagonista do Día das Letras Galegas para A Coruña, a súa cidade natal. Pero tamén podería adicarse a Ferrol, que vivirá hoxe esta conmemoración desde un mediodía amenizado polos celebérrimos cantos da taberna ata os actos oficiais da tarde no local social de Covas.
Xa estes días realizáronse diversos actos, como a presentación onte na biblioteca municipal da praza de España da novela gráfica Cinza. Alí asistiron o seu autor Manuel Cráneo e o creador da obra na que está inspirada, Xavier Alcalá coa mítica A nosa cinza. E unha semblanza de Luísa Villalta (A Coruña,1957-A Coruña, 2004) fixo a poeta Yolanda Castaño, que estivo o mércores en San Sadurniño: «Ela abrazou todas as loitas desde unha indobregable militancia, sempre en favor dos menos favorecidos».
En Ferrol, as Letras Galegas iniciaranse hoxe ás 11.00 horas co pasarrúas da banda de gaitas Agarimo de Catabois. E a partir das 12.00 celebrarase o primeiro certame de Cantos de Taberna, polos bares do centro ata a xuntanza final ás 13.30 no palco do Cantón de Molíns. Recuperarase así esa tradición (sempre viva) de ir en grupos de amigos cantando en galego polos bares, ante unha cunca de viño.
No mesmo Cantón farase unha comida popular con callos, paella (mesmo con opción vegana) e churrasco. E xa pola tarde, como un dos actos principais chegará o Día das Letras Galegas á asociación veciñal de Covas. A partir das 17.00 horas actuarán a rondalla de mulleres Santa Uxía de Mandiá, o Real Coro Toxos e Froles ou a rondalla Club de Campo.
A celebración segue os vindeiros días, coa gala o 19 no auditorio de Caranza co Real Coro Toxos e Froles e Airiños de Fene. E en Narón, o Pazo de Cultura acollerá hoxe ás 12.00 o espectáculo De Castro a Villalta e ás 17.30 A illa sen tesouro de Ghazafelhos.