Don Alfredo da Mercé

Xavier Alcalá
Xavier alcalá A VOO DE TECLA

FERROL CIUDAD

Alfredo Alcalá en una imagen de archivo en Ferrol en el año 2016
Alfredo Alcalá en una imagen de archivo en Ferrol en el año 2016 CÉSAR TOIMIL

29 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Alfredo Alcalá Navarro (Ballesteros de Calatrava 1940 - Ferrol 2023), naceu do reencontro dos pais tras a Guerra Civil, e sería inmigrante en Ferrol como secuela dese drama: a depuración de don Miguel Alcalá por ter sido médico do exército republicano. Alfredo herdou a paixón da arquitectura por vía materna: dona Herminia Navarro sempre quixera ser arquitecta, profesión impropia de mulleres na súa época. Coñecida esa vocación do rapaciño, foi entregado á mestría de Tomás Barros para que dominase o lapis sobre o papel, como cumpría no ingreso da Escola de Arquitectura.

Aso rematar o Bacharelato en Ferrol, Alfredo foi estudar en Madrid, ao tempo que desenvolvía unha etapa mística como membro do Opus Dei. Tras breve exercicio profesional, retornou a Ferrol moi seguro de ideas arquitectónicas e da súa capacidade para expresalas coa man e coa verba. Na cidade comezaría carreira de arquitecto rompedor, por diante das modas.

Polo amor da súa vida, Marinela Medina, abandonou a fraternidade á que pertencera para se converter en pai de familia numerosa e creador de obras sorprendentes. Solidario cos colegas, teimou na creación do COAG; e polo gusto de ensinar foi profesor esixente na Escola de Arquitectura da Coruña, cun alcume que o honra: «Alcalá-Meco». Teimaba en aprender sobre solucións históricas na construción e interesouse polas do Pazo da Mercé de Neda, propiedade de Francisco Cebreiro (médico de pobres e guerrilleiros con quen don Miguel Alcalá mantivo relacións hipocráticas ocultas na Longa Noite de Pedra).

Á porta dese pazo veulle bater a Parca tras longa historia de reconstrución e residencia nel. Se cadra, no derradeiro momento da súa consciencia aínda veu as pedras da Mercé e a lámina de auga do fondo da ría de Ferrol. Gloria haxa quen gozou do privilexio de facer na vida o que lle reinaba, mesmo a contrafío.