Lembranza de don Alfredo

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

FERROL CIUDAD

Real Academia Galega

25 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Alfredo de la Iglesia naceu e morreu na Coruña (1861-1933), pero boa parte da súa vida, de esforzado docente vocacional, transcorreu en Ferrol, onde exerceu, como ensinante, no Colexio adscrito do Instituto da Coruña e nunha Asociación Benéfica de Orfos do Estado, neste caso gratuitamente durante trinta anos. Era un librepensador e un espírito filantrópico. Profesor enciclopédico, chegou a impartir, no primeiro dos centros, doce materias (do Latín e o Francés á Álxebra e a Teneduría de libros). Era un dos quince fillos de Francisco de la Iglesia (1827-1898), autor dun drama auroral, A fonte do xuramento (1882), e nome esencial xunto co seu irmán Antonio de la Iglesia (1822-1892), na configuración do Rexurdimento.

Pero don Alfredo e o seu irmán Santiago de la Iglesia (republicano, socialista, quixotesco) nin escribiron en galego nin transitaron polos vieiros do galeguismo. Don Alfredo, xa idoso, gañou por oposición unha cátedra de Lengua y Literatura castellanas e ocupou a do Instituto de Pontevedra de 1918 a 1931, ano da xubilación. Naquela Pontevedra, en boa parte a da Ditadura de Primo de Rivera, aquel catedrático protagonizou dúas experiencias pedagóxicas inéditas na historia do ensino en Galicia. Escribiu un Resumen de Historia de la Literatura Gallega (1919), que explicou no horario das clases preceptivas de Literatura universal, e nas de Lingua castelá chegou a impartir, en ocasións, leccións en idioma galego, coa idea —interpreto— de demostrar aos seus alumnos que a diglosia era vencible.

Estamos ante dúas experiencias pedagóxicas tan inimaxinables daquela que un non se explica o silencio posterior dalgúns dos seus alumnos (Filgueira Valverde, Antón Fraguas...) ou dos claustrais (Castelao, o propio Filgueira...). O día 29, na Facultade de Filoloxía de Santiago, terei ocasión de achegarme a intelectual e educador tan singular e tan descoñecido. Non deixarei de poñer o acento no feito de que foi o autor do primeiro manual de Literatura galega ad usum scholarum e creador e protagonista dunha situación sociolingüística inimaxinable daquela e aínda décadas despois.