As xoias agochadas do Museo de Historia Natural de Ferrol 

rita tojeiro ces / a.v. FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Vista dunha das zonas de almacenaxe con diferentes pezas.
Vista dunha das zonas de almacenaxe con diferentes pezas. CESAR TOIMIL

A falta de espazo obriga a manter almacenados un 75 % dos fondos

23 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O almacén do Museo da Natureza —Museo de Historia Natural— de Ferrol agocha arredor dun 75 % do total dos seus fondos. Trátase dun material que se mantén gardado por parte da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) por falta de espazo, equipo humano e recursos.

As dependencias son maiores das que o público ve, xa que existe unha planta baixa, un soto e un xardín con dúas edificacións a maiores. Estes espazos conteñen pezas valiosas que, tras a dedicación que precisan, poderían ser expostas no museo. Non obstante, Xan Rodríguez Silvar, membro do equipo directivo, aclarou que os mellores museos do mundo teñen un gran volume de fondos almacenados. «A outra faceta dun museo científico non só é expoñer, senón que o que tes almacenado poida dar lugar a traballos científicos», manifestou.

Desde o museo fan un esforzo por ofrecer unha exposición unificada e con función didáctica, polo que rotar os fondos do arquivo ás salas abertas é arriscado. Os responsables procuran aplicar as nocións IP, unha técnica de Interpretación do Patrimonio que orienta sobre como presentar información desta índole.

Entre o almacenado, hai prioridades. Unha preferencia de Pablo Torrella, empregado no museo, é a obra achegada por un profesor de primaria, «moi interesante porque podemos ver os insectos que se atopan nunha charca». Está no almacén, xunto con ósos dunha balea azul, en perigo de extinción, ou os fósiles de seres moi distintos. Entre estes restos, Torrella destacou dúas especies de cifios porque poderían completar a mostra que hai destes animais. «Son as xoias do museo», estimou Silvar. O problema de superficie melloraría coa reforma da planta baixa, onde só unha das salas ten un espazo importante. A entidade dispón tamén, sen usar, de varias vitrinas de castiñeiro procedentes do museo homónimo de Santiago.

A falta de persoal especializado nos distintos eidos é outra das trabas. «As últimas pezas que se incorporaron, que son o esqueleto e a reprodución da candorca, levaban vinte anos agardando no almacén» polos mencionados motivos, detalla Silvar.

O museo presta pezas que agocha a entidades que as soliciten, ás que lle piden que volvan en mellor estado de conservación ou acompañadas cun estudo.

A organización adoita ofrecer dúas xornadas ao ano de visitas guiadas aos depósitos e ao xardín, nos días Mundial do Medio Ambiente e Internacional dos Museos. Tamén dispoñen de fotografías dos fondos gardados, que exhiben nun corredor adicado a mostras, cando queda libre.