Os promotores do monumento ás vítimas do franquismo en Ferrol agardan que a as obras de instalación se inicien o día 7
FERROL CIUDAD
Historiadores, Memoria Histórica Democrática, Ateneo e Comisión Pro Memorial reuníronse o luns con representantes do goberno local e da oposición
02 ago 2023 . Actualizado a las 10:38 h.Segundo agardan os promotores do monumento ás vítimas do franquismo en Ferrol, as obras de instalación da base iniciaranse o día 7. Así foi indicado polo constructor ao historiador Xosé Manuel Suárez, un dos impulsores da iniciativa. Historiadores, representantes da asociación Memoria Histórica Democrática, Ateneo Ferrolán e Comisión Pro Memorial reuníronse este luns con membros do goberno local e da oposición.
Desde a Comisión Pro Memorial celébrase «o anuncio das obras do último tramo do monumento ás vítimas do franquismo en Ferrol». Os promotores do monumento solicitaron xuntanza co goberno local despois da toma de posesión. E este luns foron recibidos por representantes de PP, PSOE, Ferrol en Común e BNG.
Do goberno asistiron o tenente de alcalde, Javier Díaz; a concelleira de Patrimonio Histórico, Maica García; e o concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far. Segundo o executivo local, «trátase dunha toma de contacto na que o goberno local amosou o compromiso de seguir adiante coas iniciativas que non finalizaron no anterior mandato».
A continuidade das obras foi acollida polos promotores con «enorme satisfacción». Na reunión do luns, Xosé Manuel Suárez e Manuel Pita (Memoria Historica Democrática) plantexaron a necesidade de impulsar o Consello Sectorial da Memoria Histórica, que estaba preparando o anterior goberno local. O monumento creado por Manuel Patinha estará no parque Antón Varela.