Carlos Outeiro, embestido por un conductor en Navantia: «Levoume cen metros agarrado aos 'limpas' do coche dando volantazos»

Beatriz García Couce
Beatriz Couce FERROL

FERROL CIUDAD

Carlos Outeiro, delante del acceso de Navantia Ferrol en donde se originó el incidente
Carlos Outeiro, delante del acceso de Navantia Ferrol en donde se originó el incidente Kiko Delgado

O suceso aconteceu cando o sindicalista participaba nun piquete informativo nunha xornada de paros no estaleiro ferrolán

20 jun 2023 . Actualizado a las 12:36 h.

Foi un episodio digno de calquera película de acción, pero dunha gravidade tal que puido rematar como moitas secuencias destes filmes, con consecuencias imprevisibles. Fai unha semana, o sindicalista de Navantia Ferrol Carlos Outeiro —delegado da CIG— formaba parte dun piquete informativo nunha das portas do estaleiro, nunha xornada con tres horas de paro por quenda para reclamar á empresa avances no plan estratéxico e no convenio colectivo. Eran sobre as tres da tarde cando un vehículo con dous homes dentro atravesou o acceso e parou na barreira do control. «Eu apurei o paso e fun falar con conductor para explicarlle qué era o que estábamos a facer, pero como tiña tarxeta de acceso, fichou, acelerou o coche e eu caín sobre o capó», relata.

Aínda que o delegado reclamoulle que detivese o vehículo, o condutor non só non repuxo a súa actitude, senón que aínda por riba acelerou máis. «Empezou unha marcha suicida comigo no capó; eu ía agarrado aos ‘limpas' e circulou cen metros dando volantazos para expulsarme do coche», recorda.

Calquera pode imaxinar os momentos de angustia e incredulidade que viviu Outeiro, que leva tres años como un dos representantes da central nacionalista na antiga Bazán. «Él berrábame que me baixara e eu que parase o coche. Os ‘limpas eran os que me permitían seguir con vida», conta, aínda coas imaxes do acontecido moi vívidas. «Pensaba que si chocaba contra un taller e se estampaba, me deixaba como unha pegatina», engade.

Finalmente, tras coller unha curva, «pegou un freazo», permitiu que Carlos Outeiro baixase e continuou camiño cara ao seu posto. Inmediatamente acudiu ata o lugar a Policía Nacional, alertada polos traballadores de seguridade de Navantia, que tomaron contacto tanto ao afectado como, mais tarde, ao condutor, pertencente a unha firma consignataria.

Outeiro dirixiuse despois á Enfermería do estaleiro, para ser sometido a unha revisión, na que quedou constatado que non tiña feridas de ningún tipo. Posteriormente, cursou a preceptiva denuncia na comisaría. O sindicalista lamenta que, pese a gravidade do acontecido, nin o condutor nin a empresa á que pertence se tiñan posto en contacto coa súa central aínda que fose «para tratar de calmar as cousas».

«Un beneficio colectivo»

Outeiro, de talante tranquilo, conta este episodio para insistir en que o labor dos piquetes é a de informar. «Para min foi unha situación traumática, porque non hai costume de que isto aconteza, non o esperas. A xente colabora normalmente e é certo que se non quere colaborar, non se lle pode impedir o paso, pero sempre se lle explica por qué o facemos, que é por un beneficio colectivo», expón. Nestes días, o calendario de mobilizacións vai orientado a reclamar máis inversións para a planta de Ferrol, como un dique seco para a área de novas construcións, outro dique para Reparacións, e un centro tecnolóxico para a ría «que beneficiarán non só ao persoal de Navantia, senón tamén das auxiliares». O sindicalista lamenta ter sido un protagonista involuntario do incidente, pero máis ao decatarse de que o condutor actuou con coñecemento de causa do que estaba acontecendo, xa que intentara acceder pola porta principal e alí explicáranlle a xornada de paro. Foi entón cando o intentou, e logrou, pola outra porta.