Iván Rivas, líder do BNG en Ferrol: «Dende a oposición tamén podemos condicionar»

FERROL CIUDAD

Salienta que o Bloque logrou o mellor resultado na cidade dende o 2003
02 jun 2023 . Actualizado a las 16:32 h.Iván Rivas Rico (A Pontenova, 1976) logrou para o BNG ferrolán o mellor resultado dende hai vinte anos. Gañou un concelleiro, que o converte na terceira forza do arco municipal, pero a esquerda non gobernará a cidade.
—Noraboa?
—Grazas.
—Non, era unha pregunta en realidade. É un bo resultado?
—Somos a única organización que incrementa o número de votantes nun contexto de abstención significativa. É o mellor resultado do BNG dende o 2003, e demostra que hai vontade de apostar por un proxecto de cidade alternativo.
—De todos os xeitos, o BNG subiu menos ca noutras cidades...
—Creo que estamos nun contexto similar ao doutras cidades e concellos.
—Canto pesou a onda Pontón no resultado de Ferrol?
—O resultado en Ferrol e no resto do país é produto do traballo colectivo do BNG
—Eses tres concelleiros cumpren as súas expectativas?
—As nosas expectativas consisten en acadar a transformación da cidade. E o resultado quizais é refrendar un proxecto político que ten ese obxectivo.
—Pero dende a oposición dificilmente poderán aplicar o seu modelo de transformación.
—Non é exactamente así. Nestes quince días Ferrol en Común apostaba por convertir o Sánchez Aguilera nunha zona verde, o PSOE asumía a necesidade de xestionar de maneira directa o transporte público e creo que o PP falou de municipalizar as rozas no rural, tres cuestións que dende o BNG levabamos tempo demandando. Se somos capaces de condicionar nunha campaña os posicionamentos doutras organizacións, dende a oposición tamén o podemos facer. O PP vai gobernar a cidade, pero vaino facer co 25 % dos votos do censo. A maioría dos veciños decidiron non votar, é a primeira elección dos ferroláns. E a min preocúpame moito.
—E a que o atribúe?
—O cansancio da xente é totalmente comprensible e deriva das políticas desenvolvidas polos diferentes gobernos na última década.
—A quen lle quitou máis votos o BNG: ao PSOE ou a FeC?
—Penso que é transversal: pode haber xente que votara a outras formacións que nestas eleccións non se presentaron, e outra que se abstivo e se incorporou ao BNG. Non creo que haxa un perfil concreto.
—Como vai ser este mandato o BNG na oposición?
—O BNG vai intentar canalizar ese proxecto alternativo. Hai moitas persoas que están a pedir un Ferrol diferente. Hai moitos tabús en temas importantísimos.
—O elefante na habitación do que fala a miúdo?
—O elefante, basicamente: a necesidade de que se compense economicamente á cidade pola ocupación que ten do Estado, de diversificar o sector naval ou a incorporación de terreos que están detrás desa muralla. A resposta non pode ser o silencio.