Jorge Suárez, candidato de Ferrol en Común: «Aguantamos moi ben o tirón dentro do contexto»

FERROL CIUDAD

Jorge Suárez na rúa Galiano, onde Ferrol en Común tivo nestas eleccións a súa sede de campaña.
Jorge Suárez na rúa Galiano, onde Ferrol en Común tivo nestas eleccións a súa sede de campaña. JOSE PARDO

Considera «impredecible» saber que pasaría se se tiveran presentado nunha lista única con Podemos

02 jun 2023 . Actualizado a las 12:54 h.

Pese á baixada en representación e votos, o candidato de Ferrol en Común, Jorge Suárez (Vigo, 1975) defende que a súa formación «aguantou moi ben o tirón».

—Aínda que non lle guste o termo, vostede puxo o umbral do fracaso en dous concelleiros, xusto os que sacou.

—O fracaso non entra dentro do noso vocabulario. Estou moi satisfeito coa campaña que fixemos. Nun contexto de retroceso en todo o estado, aguantamos moi ben o tirón e dános azos para ter unha organización estable e poder reconstruír con calma o noso espazo político.

—Nada de autocrítica?

—Si, claro. Hai consecuencias que se pagan. Aínda que mantivemos un traballo coherente, non ter esa candidatura única que todo o mundo esperaba, en certa medida, poido prexudicarnos, pero era un contexto moi difícil. A autocrítica nós somos os primeiros en facela sempre.

—Se se presentaran xuntos Ferrol en Común e Podemos gobernaría a esquerda?

—Iso é impredecible, é un argumento que é imposible de saber, porque hai moitísimas variables que inflúen no resultado final.

—Que parte de responsabilidade se atribúe de non ter chegado a un acordo?

—É unha cuestión de organizacións, non de responsabilidades individuais. É achacable ás dúas organizacións. Agora vén outro ciclo e temos que traballar xuntos.

—Que lles faltou a vostedes?

—Non tivemos o despregue de medios doutras organizacións. Non puidemos nin sequera poñer un cartaz nunha farola. Tivemos un orzamento moi limitado para visibilizar a nosa marca e as nosas propostas. Foi un factor determinante nun contexto global moi complexo.

—Como será a travesía no deserto destes vindeiros catro anos?

—Nós non consideramos a oposición un deserto. Hai que tratar de que as nosas propostas se poidan materializar.

—E se apenas o conseguiron nun mandato de esquerdas, que expectativas teñen de poder facelo cunha maioría absoluta do PP?

—Creo que conseguimos bastantes fitos: aprobamos os orzamentos co PSOE, votamos a favor do saneamento do rural, do Plan de Mobilidade... Fomos mellorando a nosa relación política durante o mandato. Confío en que os grupos van manter ese fair-play.

—Que lle pide ao novo alcalde?

—Que teña en conta que foron apenas 280 votos os que nos separaron a nós do terceiro concelleiro e 150 ao PSOE do oitavo; foi un resultado moi lonxe de considerarse aplastante. Pídolle apertura de miras para gobernar para todos, pero tendo en conta os diferentes prismas que podemos aportar o resto de grupos.