Jorge Suárez, candidato de Ferrol en Común á alcaldía: «Non volvería facer a foto da bañeira»

FERROL CIUDAD

Na praza de Armas. Retratado baixo o soportal do Concello, gaba un espazo cuxa remodelación arrancaba no seu mandato, en campaña: «É un símbolo de transformación da cidade, do que aspira a ser: un lugar confortable, que dá mostra do que fixemos e do que podemos facer».
Na praza de Armas. Retratado baixo o soportal do Concello, gaba un espazo cuxa remodelación arrancaba no seu mandato, en campaña: «É un símbolo de transformación da cidade, do que aspira a ser: un lugar confortable, que dá mostra do que fixemos e do que podemos facer». CESAR TOIMIL

Admite erros, aspira a liderar a esquerda e vería dous edís coma un fracaso

24 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Suple a súa timidez con «bo humor», asegura. Jorge Suárez Fernández (Vigo, 47 anos), candidato de Ferrol en Común e alcalde entre 2015 e 2019, vese o día despois «na praia de San Xurxo, coa miña familia e co móbil apagado». Pero o 28M aspira a converterse na primeira forza de esquerdas. E a gobernar. Este funcionario de xustiza, que de pequeno aspiraba a médico, admite erros no seu mandato, pero «como o bo viño, melloramos co tempo». E non dubida ao marcar cal sería para el o umbral do fracaso: «Dous concelleiros ou menos».

—Como se recupera a confianza dos ferroláns na política, cos mesmos candidatos e a maioría, coma vostede, que xa foron alcaldes?

—É complicado transmitir iso, pero agora mesmo nos coñecemos moito máis os catro. É como unha relación de noviazgo que pouco a pouco vai madurando, e se demostra chegando a grandes acordos. Esa vai ser a nosa teima os vindeiros catro anos, gobernemos ou non.

—Entraría FeC nun goberno de coalición co PSOE?

—A nosa aspiración é gobernar e ser a primeira forza da esquerda: xa o fixemos e non é inviable. O noso papel neste mandato ten que ser copar grandes áreas de goberno e ser decisivos.

—Por que non foi posible en 2019?

—Eran outras circunstancias: tivemos unha relación moi complicada co PSOE no noso mandato. Nós chegamos a un acordo, marcharon unha parte, outra parte non, e é difícil saír do goberno e pasar á oposición, pero agora a situación mudou. E a nosa relación particular, a de Ángel [Mato] e a miña é bastante boa e estamos en condicións de facer algo distinto.

—Tampouco houbo acordo con Podemos.

—É fácil de entender: cando as propostas políticas son moi diferentes, eu remítome aos feitos do que está a suceder nesta campaña. Sempre defendín que esta falta de acordo debera quedar na análise interna. Antes ou despois teremos que entendernos.

—Xa non avoga por remunicipalizar, senón por contratos curtos. Pecaron de inxenuos?

—A maquinaria administrativa non se acompasa ao ritmo político. O máis racional é ser sincero coa cidadanía é tratar de prometer o que podes cumprir.

—Unha medida do seu programa.

—A principal cuestión a vencer no declive da cidade é a crise demográfica, e iso só se pode solventar a través do emprego.

—Hai catro anos dicía que a vida non era un cen por cen de acertos. Canto errou neste mandato?

—Erramos máis gobernando, pola bisoñez, quizais. Na oposición fomos bastante coherentes con nós mesmos e co goberno. Como o bo viño, melloramos co tempo.

—Volvería facer unha foto como a da bañeira?

—Non. Iso foi unha broma privada, que por determinadas circunstancias se fixo pública. Eu pretendía transmitir como alcalde unha imaxe de rigor, que aínda que fósemos unha forza alternativa eramos capaces de gobernar con seriedade, e esa foto non axudou. Nos deu moita fama, pero era frontalmente oposta ao que eu pretendía transmitir.

—Que número de concelleiros sería un fracaso?

—Dous ou menos. Pero fracaso é un termo moi capitalista, non o comparto.

—Cantos anos debería gobernar un alcalde?

—En Ferrol fai falta un mandato que transcenda os catro anos. Oito anos son suficientes.

     

 BONUS TRACK

  • O mellor alcalde. Diría Fernando Miramontes, que exerceu de alcalde de martes a xoves durante moito tempo. Se non, Xaime Bello.
  •  Unha manía. Levar a camisa por fóra. E comprar moitos auriculares.
  • Canto tempo mira o móbil cada día? Non demasiado, cada vez menos.
  • Unha tarefa da casa que aborreza. Fregar o váter. Quen non, ¿non?
  • Cando bailou por última vez? Só bailei unha vez na miña vida: foi na miña voda... e porque me obrigaron.
  • O seu último destino de vacacións. Cádiz, precioso. A última viaxe ao estranxeiro, Lisboa.