Vicente Díaz, novo director da Escola Politécnica: «Estou plenamente convencido de que a Ferrol agárdalle un futuro moi brillante»

Ramón Loureiro Calvo
RAMÓN LOUREIRO FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

Ramón Loureiro

Profesor e investigador, afirma que «o Campus Industrial está moi pendente do que precisan as empresas»

21 may 2023 . Actualizado a las 01:23 h.

Vicente Díaz Casas (Ferrol, 41 anos), o novo director da Escola Politécnica de Enxeñería do Campus Industrial de Ferrol, sente verdadeira paixón pola ciencia e, en xeral, polo coñecemento. Unha paixón que se reflicte, con especialidade, na enxeñería, que ademais da súa profesión é, como salta á vista, a súa vocación. Profesor e investigador do Campus Industrial de Ferrol, compaxina o seu labor académico con todo tipo de actividades destinadas a dar a coñecer, nos máis diversos ámbitos, «dun xeito ameno e cola linguaxe máis accesible», os avances que están a experimentar, día a día, as tecnoloxías de vangarda. Doutor enxeñeiro, naval e oceánico, pola Universidade da Coruña, a súa actividade investigadora canalizouse, fundamentalmente, a través do Grupo Integrado de Enxeñería, especialmente no eido do «desenvolvemento de proxectos de I+D en cooperación con empresas, principalmente do sector naval e das enerxías renovables mariñas».

—Comeza agora, para vostede, como director da Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol, unha etapa chea de obxectivos novos.

—O certo é que, nos últimos anos, o Campus Industrial de Ferrol foi labrando xa una imaxe de marca que a nós nos permitiu posicionarnos a nivel galego. Porque, ademais, un dos piares máis importantes dese posicionamento é a Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol. Unha escola que debe tomar agora as rendas do seu propio destino e liderar ese proceso de creación de identidade, de marca recoñecida. A nosa escola debe converterse en algo que vaia máis alá do seu carácter de centro docente. É fundamental dinamizar a escola e facer partícipe deste proceso tanto ao alumnado como a todo o persoal do centro, así como ás empresas e institucións que están na nosa contorna.

—E iso, como se consegue?

—Pois, de entrada, xa imos poñer en marcha novas actividades, actividades de todo tipo. E ademais imos asumir o reto de poñer en valor as que xa realizamos. Temos que esforzarnos por visibilizar o que se fai na Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol. Cousas que, por desgraza, moitas veces pasan desapercibidas ata no propio centro.

—A día de hoxe, e desde a súa nova responsabilidade como director da escola, cal diría vostede que é o seu maior reto?

—No ámbito académico, e a día de hoxe, na escola temos un reto moi importante: a Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol precisa redefinir o seu futuro, cousa que esixe, por exemplo, revisar a nosa oferta de graos e mestrados. E para iso convén iniciar de xeito inmediato un proceso de diálogo e de intercambio de ideas con todo o tecido industrial, antes de decidir cales van ser os nosos novos títulos. Só desa maneira poderemos conseguir que as novas titulacións sexan verdadeiros referentes para todos, e que nos permitan seguir incrementado o alumnado matriculado no centro.

—Desde a perspectiva que lle dan o Campus Industrial e o seu contacto con todo tipo de empresas de diferentes sectores, que futuro lle augura vostede a Ferrol?

—Estou plenamente convencido de que a Ferrol agárdalle un futuro moi brillante. Sobre todo, da man das enerxías renovables mariñas. Un futuro extraordinario. De feito, nin sequera entendo como é posible que, a estas alturas, aínda se sigan repetindo as frases tópicas de sempre, as que din que Ferrol está afundido nun pozo do que non vai saír. Ferrol vai ir a máis. E o Campus Industrial, que está moi pendente do que precisan as empresas, vai ter un papel moi importante niso.

Non hai que esquecer que no século XVIII, no Arsenal, xa se formaba a enxeñeiros navais

«Ferrol —di Vicente Díaz— ten un lugar moi importante na historia da enxeñería naval española». «Non hai que esquecer, por exemplo —engade—, que no século XVIII, no Arsenal, xa se formaba a enxeñeiros navais. E que, xa no século XX, o ensino universitario comezou en Ferrol da man da antiga Escola de Peritos, de peritos navais, que impartiu as súas primeiras clases, alá polos anos sesenta, en aulas do instituto Concepción Arenal, ata que por fin se rematou o edificio de Serantes».

—Un centro, a antiga Escola de Peritos, que daquela estaba vinculado á Universidade de Santiago, non?

—Á Universidade de Santiago, si. Efectivamente.

—No poliédrico universo das enxeñerías, a enxeñería naval ocupa, por dereito propio, un lugar moi especial...

—Eu diría que si, porque é unha enxeñería que afronta a realización de grandes proxectos, todos eles moi complexos. Unha enxeñería de síntese, na que interveñen moitas disciplinas. E que ademais, por se fose pouco, hoxe ten que ser capaz de sacar adiante construcións que teñen que durar moito tempo sen deixaren de funcionar. Pero todas as enxeñerías, sen excepción, son esenciais no mundo de hoxe. Como se adoita dicir, o traballo dos enxeñeiros, por riba de calquera outra cousa, é solucionar problemas.

—Entendo que ten que requirir moita creatividade, tamén, non si?

—Por suposto...! Non podería ser doutro xeito...! A enxeñería, para atopar solucións, ten que ser moi creativa. Ademais, hoxe estamos inmersos nun entorno especialmente competitivo, porque compites, internacionalmente, con todos cantos países destacan nun determinado sector.