Margarita Sánchez: «O campus e o tecido cultural de Ferrol teñen que seguir abrindo camiños novos»

Ramón Loureiro Calvo
rAMÓN loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

CESAR TOIMIL

Di que «para lograr o recoñecemento da Unesco hai que coidar o patrimonio máis»

14 may 2023 . Actualizado a las 17:13 h.

O feito de terse xubilado xa da docencia —foi profesora da Facultade de Humanidades de Ferrol, ademais de impartir clases no Ensino Medio— permitiulle a Margarita Sánchez Yáñez (Ferrol, 74 anos) intensificar aínda máis o seu labor como investigadora en dous ámbitos nos que leva traballando unha vida enteira: o das as igrexas ferrolás de San Xiao (tanto a vella, derruída no século XVIII, como a actual, que se alzou no século das Luces e que é a concatedral diocesana) e a Casa Marquesal de San Sadurniño. E precisamente agora, en cuestión de semanas, vai ver a luz un novo libro seu: o que relata a viaxe, a través do tempo, do Marquesado de San Sadurniño, neste caso desde os tempos da Ilustración ata, pouco máis ou menos, o das guerras carlistas. E mentres, xa vai reunindo material para o seguinte volume, que abranguerá, ademais dos últimos momentos do século XIX, ata boa parte do século XX.

—A Casa Marquesal de San Sadurniño xogou, en diferentes momentos da historia de Galicia, un extraordinario papel...

—¡E tanto que si...! Pero non só na historia de Galicia. Non hai que esquecer, sen irmos máis lonxe, a importancia que tivo na Corte, en Madrid, a figura de María de la Natividad Quindós y Villarroel, que foi camareira maior da Reina Rexente, María Cristina, e que foi a última marquesa que, aínda que pasou os anos centrais da súa fundamentalmente en Madrid, residiu con frecuencia en San Sadurniño.

—Unha aristócrata, falecida a comezos dos anos cincuenta do pasado século, que en boa parte da comarca foi considerada «A Marquesa» por antonomasia. Como era ela, no persoal...?

—Pois unha muller moi relixiosa, que lle legou o Pazo de Baltar á orde dos claretianos, ademais de terlles axudado moitísimo, tamén materialmente, ás monxas de Cristo Rei, e que se preocupou bastante por cuestións relativas ao ben común, como é o da educación. Do mesmo xeito, soubo ser moi xenerosa, igualmente, cos seus caseiros, coa xente que dependía dela e coa que tiña maior confianza. Pero, en igual medida, era unha muller á que lle gustaba moito manter as distancias. Pero non hai que esquecer que, grazas a ela, San Sadurniño foi, durante un tempo, nos veráns, unha especie de extensión da Corte de Madrid. Alfonso XIII e a raíña María Cristina coñecían moi ben San Sadurniño. A Casa Marquesal de San Sadurniño é, en si mesma, un espello da historia de Galicia, pero a súa significación vai, pola relación coa Coroa, moito máis alá.

—Durante o seu paso pola Facultade de Humanidades, vostede impulsou moito o coñecemento da historia de Ferrolterra, fomentando actividades culturais que ían moito máis alá do ámbito universitario...

—Eu creo que o campus e o tecido cultural de Ferrol teñen que seguir abrindo camiños novos, e iso pasa por buscar sinerxias dun xeito moito máis intenso. Hai que seguir tendendo pontes entre a comunidade académica e a cidade de Ferrol. E viceversa.

—O patrimonio monumental de Ferrolterra é extraordinario. Pensa vostede que a sociedade, no seu conxunto, o valora suficientemente?

—Tanto Ferrol como a propia comarca teñen un patrimonio monumental magnífico. E o primeiro que habería que facer é tomar conciencia do seu verdadeiro valor. Tamén por parte das institucións. Ferrol, por exemplo, opta agora a ser Patrimonio Mundial. Pois o primeiro que habería que ter en conta, paréceme a min, é que para lograr o recoñecemento da Unesco hai que coidar o patrimonio máis.

«A desaparición da primitiva igrexa de San Xiao foi unha perda terrible»

Afirma Margarita Sánchez que «a desaparición da primitiva igrexa de San Xiao», a que estaba en Ferrol Vello e foi derrubada no século XVIII, «foi unha perda terrible para a cidade». Mais, ao mesmo tempo, recoñece que «dado o grado de deterioro que xa presentaba daquela o edificio», e tras terse visto gravemente afectada a súa estrutura pola construción do foxo do Arsenal, «conservar o templo era pouco menos que imposible». «Sobre todo —engade— cos medios técnicos que había naquela época, que non eran precisamente os que temos hoxe».

—Perdeuse, en Ferrol, unha igrexa medieval, e gañouse unha do Século das Luces: a concatedral de San Xiao, sobre a que vostede tamén ten investigado moito.

—A concatedral de San Xiao é un monumento extraordinario, cheo de beleza e rico en contidos simbólicos, como os que se asocian a determinados números, entre eles o sete.

—A demanda de dotar á concatedral dun museo propio segue estando en pé. Será posible conseguilo...?

—Eu creo que si, que é posible conseguilo. É máis: sería fundamental para a cidade crear un museo así. Todo é cuestión de vontade. Son varias as posibles ubicacións que podería ter ese museo. Un museo dedicado á concatedral que non tería por que estar, necesariamente, no edificio do propio templo...

—Poderán aparecer, no futuro, vestixios da primitiva igrexa de San Xiao?

—Por suposto que si...! Pero temos que ser realistas: todo Ferrol Vello é un espazo habitado desde hai moitísimo tempo, no que as novas construcións foron ocupando o emprazamento das vellas. Teño a impresión de que boa parte dos alicerces da igrexa antiga deben estar debaixo da estrada. Pero xa o tempo o dirá...